Escudo do Rei de Galiza, cara a 1500

As orixes do escudo galego; trevos no canto de cruces?

Tempo de lectura: 3 min.

Heitor Picallo, investigador, escritor e ilustrador

Como acontece con outros símbolos, a heráldica é tamén unha ciencia en evolución, de aí que os símbolos que hoxe representan a unha determinada nación outrora tivesen un outro aspecto. É por isto, tamén, que en ocasións poidamos falar de armerías antigas ou modernas daquel ou estoutro reino.

Galiza tampouco se salvou deste feito. Houbo un tempo que as sete cruces coas que hoxe coñecemos o noso escudo nacional e representan ás sete provincias galegas eran trevos e non sete, senón moitos máis. Nun principio as cruces non existiron, e cando estas se fan visíbeis será nun campo sementado delas. Entrementres, houbo numerosas versións, algunhas delas tan fermosas como as existentes en tres armoriais diferentes dos que agora imos facer mención e, por mágoa, non detallado estudo.

Escudo do Rei de Galiza,
cara a 1450

O ARMORIAL DE COISLIN-SÉGUIER

O primeiro que debemos citar é aquel denominado Armorial Coislin-Séguier, que moi posiblemente procede de Lothringen (Lorena) e debeu ser realizado na década de 1450. O documento, que se conserva no Departamento de Manuscritos da Bibliothéque Nationale de France (fr. 18651), ten representadas nun lugar de preferencia as armas da casa de Bioncourt (Lorena), seguidos de preto de mil cincocentos escudos (algúns deles co campo sen representar).

No folio 2v, e na parte superior esquerda, vese un escudo rotulado coa seguinte lenda: “Le Roy de Galice”. De atendermos á imaxe representada, a descrición do brasón sería o seguinte: “En campo de azur, un copón de ouro, flanqueado por catro trevos de prata, dous a cada costado”.

O ARMORIAL DE JEAN V DE BUEIL

Outro dos manuscritos aparece integrado nunha obra maior na que, Jean V de Bueil (1406-1477) narra –de xeito autobiográfico– a súa experiencia na Guerre de Cent Ans ou, o que é o mesmo, na Guerra dos Cen Anos (1337-1453). O armorial –no que se detallan os escudos de boa parte dos reinos de Europa e doutros lugares, así como de certas casas nobres francesas– está datado na década de 1460, e no seu folio 157 aparecen nove reinos, concretamente os de Portugal, Sardeña, Xerusalén, India, Cracovia, Irlanda, Galiza, Hungría e Mallorca.

O que se corresponde coa nosa nacionalidade histórica ten escrito na súa parte superior unha lenda igual á do Armorial anteriormente citado (“Le Roy de Galice”, e de describirmos as súa armerías teriamos que sinalar: “En campo de azur, sementado de trevos de ouro, un copón do mesmo metal”.

Como se observa, esta é unha versión xa algo modificado do brasón anterior, no que tan só había catro trevos que, ademais, eran de prata. Este manuscrito consérvase, outrosí, na Biblioteca Nacional de Francia (fr. 24381).

Escudo do Rei de Galiza,
cara a 1460

O ARMORIAL DE JEAN FAUCQUET

Escrito por Jean Faucquet cara aos últimos anos de século XV, arredor de 1497, na actualidade custódiase este libro de brasóns na Biblioteca da Universidade de Yale (ms. 648). Faucquet, que participa na Batalla de Saint-Omer (1479), territorio que tomara a casa de Borgoña, ha ser considerado un heroe e leal ao Emperador Maximiliano I, polo que ademais de recibir eloxios obtén unha importante pensión.

No folio 47v, do seu armorial, concretamente na parte inferior, identifícanse con claridade as amas de “Le Roy de Galice” coa descrición do mesmo, que parece indicar o seguinte: “de goles, sementado de trevos de ouro, un cáliz do mesmo metal”.

A representación, neste caso, muda o campo do escudo, e incluso o cáliz está aberto e non pechado como en anteriores casos (semellándose ás versións máis antigas do mesmo e, paradoxalmente, ás máis contemporáneas). Con independencia de que o brasón estea sementado de trevos, realmente nesta representación observamos oito. Cómpre indicar que esta é das poucas ocasións nas que podemos ver o escudo de armas do reino galego en campo de goles, isto é, con fondo vermello.

POR QUE SE MUDARONS OS TREVOS POR CRUCES?

Resulta interesante saber que os trevos son símbolos heráldicos propios da Illas Británicas (obsérvese a decoración actual do escudo do Reino Unido, con cardos e trevos), mais outros territorios -pero non moitos- tamén o empregaron (véxanse neste armorial o folio 24v).

A pregunta é: nalgún momento e de forma intencionada mudáronse os trevos por cruces? Quen sabe. De ser así existe unha clara pretensión de dar conta que se trataba dun “reino cristián”.

Publicado orixinalmente en: http://karrapucho2.blogspot.com.es/2016/12/no-seculo-xv-o-escudo-de-galiza.html

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

1 Resposta

  1. Moi interesante análise, Heitor. Está claro que a mudanza dos trevos en cruces trae conta dunha viraxe ideolóxica á que se lle poderá seguir a pista, seguramente. Chegar se cadra a certos nomes e circunstancias. Coidas iso factible? Saudos.

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: