fbpx
'Historia Turpini', libro IV do Códice Calixtino

Crunia, o topónimo da Coruña é unha creación da arte románica galega segundo un experto

Tempo de lectura: < 1 min.

O profesor da Universidade de Vigo e escritor Gonzalo Navaza racha con todas as hipóteses anteriores e defende que o topónimo de A Coruña, que comeza rexistrándose en latín como Crunia en 1208, é un nome de orixe literaria tomado da ‘Historia Turpini’, o libro IV do Codex Calixtinus. Dá así por pechada a cuestión científica.

Navaza destaca que Codex Calixtinus faise mención a un lugar descoñecido chamado Crunia que tomou o rei Afonso IX para renomear en 1208 a cidade de Faro, anteriormente Brigantium. Este membro da Comisión de Toponimia e académico correspondente da RAG, nun amplo artigo no que racha con todas as hipóteses anteriores sobre a orixe dun topónimo, destaca que “o nome da Coruña, coma o Pórtico da Gloria, é unha creación da arte románica galega, dos tempos do esplendor románico no Camiño de Santiago”, segundo Navaza.

De acordo con isto, insiste en que o “nome que comeza rexistrándose en latín como Crunia en 1208 é un nome de orixe literaria, tomado dun topónimo que aparece na Historia Turpini, tamén coñecida como Historia Karoli Magni et Rotholandi ou Pseudo Turpín, isto é, o libro IV do Codex Calixtinus”.

No seu estudo, publicado no último número da Revista Galega de Filoloxía —editada pola Universidade da Coruña— co título ‘A orixe literaria do nome da Coruña’, Navaza conclúe que “o topónimo Crunia que aparece no libro IV do Codex Calixtinus non é unha atestación medieval do nome da cidade da Coruña, é a súa fonte, o seu berce”. Esta é a primeira vez que se ofrece unha explicación sobre as orixes do topónimo que dá conta de todos os rexistros documentais. Máis no artigo publicado por Alberto Quián no xornal Galicia Confidencial.

Pode que che interese...