Volven esnaquizar o reloxo floral do histórico xardín de Méndez Núñez da Coruña
O reloxo floral do histórico xardín de Méndez Núñez na Coruña volve ser esnaquizado polos vándalos. O reloxo, que é un dos elementos máis singulares destes xardíns históricos da cidade sufriu unha nova agresión vai dúas semanas, aparecendo cunha agulla desaparecida e a outra dobrada.
O reloxo xa fora vandalizado en numerosas ocasións, como no ano 2019, 2015 ou 2012, entre moitas outras. De feito no ano 2019 precisou dunha gran reparación desmontando as súas pezas e reparando o seu mecanismo. Pois debido a unha longa listaxe de actos vandálicos sufrirá importantes avarías o seu mecanismo deixaba de engranar e daba mal as horas.
Agora, un ano despois da reparación o histórico reloxo volveu aparecer con desperfectos, e as agullas fóronlle retiradas, unha vez máis, para a súa recuperación. O reloxo atópase no chamado Cantón Grande, no espazo central do parque, e forma un singular conxunto xunto co calendario floral. Ambos daban a diario a data e a hora entre excepcional decoración floral.