fbpx
Cruz Pico da Cruz, no Páramo, onde foron atopados varios petróglifos / Patrimonio dos Ancares

Atopan os primeiros petróglifos do Páramo, a 513 metros e na base dunha gran cruz

Tempo de lectura: 3 min.

A colaboación entre o colectivo Patrimonio dos Ancares e a asociación de recreación histórica Tir na N´og permitiunos documentar os primeiros petroglifos do concello do Páramo. Foi no coñecido como Pico da Cruz, na parroquia de Vilafiz, un monte situado a 513 metros de altitude dende onde se divisa unha impresionante panorámica de toda a contorna, incluída a Pobra de San Xiao, capital do concello de Láncara, e os vales que forman os ríos Neira e Sarria. Nas inmediacións dunha gran cruz monolítica de granito de máis de dous metros de altura, na parte horizontal dunha pena vense tres coviñas duns cinco centímetros de diámetro de clara factura artificial. Na mesma pena tamén figuran gravados uns toscos símbolos que en principio identificamos como unha letra “P”, unha “U” invertida, unha “V”, e separada destas unha “A”.

Descoñecemos se a pedra e a propia cruz actúa ou actuaba como delimitadora de terreos ou territorios, no Catastro actual figura como límite de dúas parcelas do mesmo monte e da mesma parroquia, pero tamén, como hipótese, a letra “P” podería facer alusión á Pobra de San Xiao (o límite atópase a pouco máis de 400 metros de distancia) e o “V” a Vilafiz. O símbolo que está no medio, o “U” invertido, podería tratarse da representación dunha ferradura, e o “A”, quizais, faría referencia á aldea de Agreimonde. Segundo algunhas teorías, as pedras con figuras de ferraduras non actuaban como marcos por si mesmas, indicaban case sempre un manancial ou corrente de auga que sería o propio marco, e no presente caso podería tratarse do río Sarria que divide os concellos do Páramo e Láncara e que discorre a menos de 400 metros do Pico da Cruz. Como non era límite de parroquias, non a recolle o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII.

A cincuenta metros do Pico da Cruz localizamos outra pena con petroglifos formados por catro coviñas, tamén de factura artificial.

Inscricións atopadas no Pico da Cruz, no Páramo / patrimonio dos Ancares

Nula información

O que nos chama moito a atención é a case nula información existente sobre a cruz de pedra, de moi boa factura e sen catalogar por Patrimonio, que coroa o pico que lle dá nome, incluso nos sorprende que nas redes sociais, a pesar do sitio onde se ubica e da súa espectacularidade, apenas se cite e non aparezan fotos da mesma. As únicas referencias escritas que atopamos están nunha curta mención feita por Ricardo Becerro de Bengoa no ano 1883, e nas desaparecidas Gaceta de Galicia e Revista Nueva Galicia do ano 1907 cando informan da morte dun mozo de 17 anos ao disparárselle unha escopeta de pistón que estaba a cargar.

Para rematar, os dous grupos de coviñas, pola erosión das mesmas, son anteriores aos outros símbolos citados. Estas pequenas cavidades son as representacións máis sinxelas da arte rupestre galega ao aire libre (aínda que quizais as máis enigmáticas). Poden aparecer illadas, formando agrupacións como no presente caso, ou asociadas a outros motivos de temática naturalista ou xeométrica. As teorías sobre o seu significado son variados: recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, símbolos de carácter sexual feminino relacionado coa fertilidade, delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos, etc. Canto á súa adscrición crono-cultural, abranguería cando menos dende o Neolítico ata a Idade Media. Moitos sitios considerados como paganos onde había mámoas, petroglifos ou castros foron cristianizados, edificando capelas, igrexas ou cruces. No século VI, Martiño de Dumio, no De correctione rusticorum, denunciou as prácticas pagás que aínda realizaban os galegos, animando a destruír estes lugares.

Os achados dos petroglifos xa llos comunicamos ao Servizo de Xestión Cultural en Lugo para que os inclúan no Inventario de bens culturais, e tamén a Cruz por non figurar catalogada.

Pode que che interese...