fbpx
Círculo lítico tipo henge atopado en Lavandeira, Xove / Mariña Patrimonio

Podería haber no norte de Lugo un pequeno Stonehenge?

Tempo de lectura: 3 min.

Primeiro foi en Barreiros e agora en Xove. A Mariña lucense non deixa de sorprender. A aparición doutro gran círculo lítico, un ‘henge’, puxo en alerta a varias entidades do patrimonio. Estas estruturas son moi típicas do Reino Unido e, de feito, varias delas atópanse na contorna do monumento máis coñecido de Inglaterra, Stonehenge.

Henge atopado en Lavandeira, Xove / Mariña Patrimonio

Henge atopado en Lavandeira, Xove / Mariña Patrimonio

Foi Mariña Patrimonio a que a pasada semana daba a coñecer a existencia dunha nova estrutura lítica no lugar de Lavandeira, en Xove. Trataríase dun ‘henge’, que é un tipo de construción neolítica consistente en movementos de terra e pedras en forma de recinto circular e cunha canle interna. A sondaxe arqueolóxica realizada pola empresa Ambiotec confirmou esta hipótese e sitúa o xacemento na Idade do Bronce máis recente, entre os anos 7.000 e 1.000 antes de Cristo polos restos cerámicos atopados na escavación. Con todo, non descarta que poida ser máis antigo.

En agosto de 2015 Mariña Patrimonio solicitara a inclusión deste recinto circular de Xove no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos; tras cuxa solicitude o Servizo de Patrimonio redactou unha “ficha normativizada do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da DXPC”, ficha que non ten ningún valor e que non protexe en absoluto os xacementos.

Desgrazadamente, o 50% da estrutura circular xa fora agredida e gravemente modificada con anterioridade con motivo da construción dun tramo do corredor costeiro entre San Cibrao e Celeiro. Cando se realizou o estudo arqueolóxico para a realización desta infraestrutura, lamentablemente non se detectou a existencia do citado xacemento arqueolóxico. Por iso, e para paliar este erro, a empresa construtora comprometeuse con Patrimonio que se se verificaba a existencia do posible xacemento retiraría o talude, que cobre a metade do círculo.

A Roda, henge atopado en Barreiros en 2006 / Elixio Vieites-Patrimonio Galego

A Roda, henge atopado en Barreiros en 2006 / Elixio Vieites-Patrimonio Galego

O henge de Barreiros

Este é o segundo henge atopado na comarca en dez anos. Tamén en Roda (Barreiros) localizouse en 2006 un círculo lítico duns 50 metros de diámetro durante a construción da Autovía do Cantábrico. Tería unha antigüidade sobre os 3700 anos. Esta construción consta dun foxo exterior de entre tres e catro metros de diámetro e un metro de profundidade.

Outro probable henge atopado en Coeses, Lugo / XaBier Moure

Outro probable henge atopado en Coeses, Lugo / XaBier Moure

O círculo de Barreiro está formado por dous muros, entre os cales se depositou terra do foxo, formando así o parapeto. Tería no punto máis alto probablemente os tres metros. Consérvase a zona de entrada, de entre metro e medio e dous metros, orientada ao noroeste. Xunto á entrada hai unha pedra que podería ser un dos menhires que delimitaban o acceso.

Outro en Coeses

Outro probable henge podería estar en Coeses, en Lugo. Trátase dun túmulo de 60 metros de diámetro cun foxo arredor e muros interiores e exteriores, que os arqueólogos denominaron como “anel lítico pseudotumular“. Este ben tamén estivo a punto de desaparecer debaixo dunha autoestrada pero o labor e denuncia de organizacións como Cultura do País, Adega, Amigos do Patrimonio de Castroverde e Lugo Patrimonio e algunha forza política fixo que as obras se parasen e Fomento prometese estudar o xacemento e conservalo, e desviase para isto o trazado da infraestrutura.

Pode que che interese...