fbpx
Posible henge atopado en Paradela, Lugo / Patrimonio dos Ancares

Atopan outro probable ‘henge’ ou círculo prehistórico na provincia de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

O día 6 de setembro de 2023, o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a asociación Tir Na n´Og comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a localización dun novo círculo no concello de Paradela. Foi na parroquia de Ferreirosentre as aldeas de Delle e Fruxinde, a unha altitude duns 700 metros, no monte coñecido como Riba das Chousas onde puidemos comprobar a existencia dunha estrutura circular duns 50 por 45 metros cun muro que a circunda en todo o seu perímetro duns dous metros de ancho e unha altura que non sobrepasa o medio metro. A súa localización foi posible grazas á tecnoloxía LIDAR (topografía do terreo realizada con láser), que logo puidemos constatar ao visitar o lugar.

Nos últimos anos están a documentarse en Galicia varios destes enigmáticos círculos, por veces identificados erróneamente como castros. Polo de agora descoñécese con exactitude cal sería a súa función, pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario, ou que se trate de lugares onde as sociedades prehistóricas se xuntaban para facer reunións de tipo político, social ou relixioso. O primeiro documentado en Galicia foi o da Roda de Barreiros onde se efectuou algunha intervención que, como resultado das análises radiocarbónicas, fixouse o momento da súa construción no Bronce Medio. No pasado mes de xullo, tamén se realizou unha escavación no círculo, apenas alterado, de Vilarello, na parroquia de Cereixa, concello da Pobra do Brollón, dirixida polos arqueólogos Rodrigo Paulos e Xurxo Ayán onde se localizou un muro de grandes dimensións, ademais, entre outros materiais, restos cerámicos típicos da Idade do Bronce, un machado de pedra pulimentado e madeiras carbonizadas. Neste días, baixo a dirección da profesora Pilar Prieto, está a escavarse o círculo do Castrillón, en Adai (Lugo), cuxos primeiros resultados están a achegar unha valiosísima información.

Nos meses de xaneiro e xullo deste ano, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Asociación Tir Na n´Og comunicamos a Patrimonio da Xunta de Galicia outros dous círculos de semellantes características situados no concello do Corgo que, despois da comprobación feita polos seus técnicos, foron catalogados cos códigos GA27014070 GA27014072.

Lugar onde se atoparía o ‘henge’ ou círculo prehistórico atopado en Paradela / Patrimonio dos Ancares

Petróglifo

uns 400 metros do círculo tamén localizamos o que podemos considerar o primeiro petróglifo do concello de Paradela. Foi nas inmediacións da necrópole megalítica de Campo Maior, composta por dúas mámoas do período Neolítico (duns 6.000 anos de antigüidade). Aínda que moi erosionada, documentamos unha combinación formada por tres círculos concéntricos con coviña central realizada sobre un afloramento granítico.

 En Galicia, como acontece coa maioría das gravuras rupestres ao libre, trátase dun motivo enigmático, sendo obxecto do variadas interpretacións: representacións do sol, votivas, etc. En definitiva, terían un significado simbólico-relixioso de difícil interpretación. Ao tratarse dunha arte simbólica son, en principio, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible a determinados membros daquela sociedade. Ata esta descuberta, a única pedra, exenta, decorada do concello apareceu no castro da Croa de Barán, estudada por J. Carballo e publicada nun Boletín da Comisión de Monumento de Lugo no ano1943, onde di que as liñas que se ven pertencen ao grupo de representacións ultra-esquemáticas que representan unha danza funeraria pertencente á Idade do Bronce, pero cremos que non se debe incluír nos gravados rupestres clásicos, senón entre os motivos decorativos bastante correntes na época dos castros.

Pode que che interese...