fbpx
Traballos arqueolóxicos no Castrillón, en Touro, identificado como un castellum romano / Romanarmy

Escavan o que podería ser o primeiro castellum romano da Galicia atlántica

Tempo de lectura: 3 min.

Un equipo de arqueólogos está a traballar esta semana no xacemento de O Castrillón (San Xoán de Fontes Rosas-Santa María de Loxo, Touro), unha singular fortificación con características únicas no ámbito galego, e que os investigadores consideran que pode estar vinculada ao exército romano. A campaña, que durará toda esta semana, pretende facer sondaxes avaliativas que permitan aproximar a súa cronoloxía e a potencial vinculación con unidades militares romanas, así como a súa posible relación co veciño castro do Couto de San Sebastián. A intervención arqueolóxica está coordinada polo profesor José Manuel Costa García, da Universidade de Salamanca e membro do colectivo de investigación Romanarmy, e executada pola empresa Tempos Arqueólogos.

Un xacemento atípico

O primeiro que destaca en O Castrillón é a súa estrutura atípica, notablemente distinta  dentro do abundante conxunto de xacementos fortificados de diferentes épocas que se conservan na provincia da Coruña. O Castrillón ocupa a zona alta dun outeiro definido ao leste polo Rego das Pucheiras. Conta con dous recintos ben definidos que ocupan en total pouco máis dunha hectárea. O cumio do outeiro está achairado artificialmente e cinguido por unha estrutura que delimita un pequeno recinto de forma oval. Adicionalmente, destaca outro recinto que, partindo da base desta acrópole, se estende ao norte ao longo da zona máis alta do outeiro.

O xacemento de O Castrillón ten paralelos no norte da Península, onde foron identificados pequenos postos militares romanos cunha estrutura similar, e vinculados ao control de amplas zonas do territorio. Coñecidos na literatura científica como castella (en singular castellum), este sería o primeiro recinto destas características investigado na Galicia occidental. Diferéncianse dos máis coñecidos campamentos temporais romanos polo seu pequeno tamaño e por estaren concibidos para o establecemento dunha guarnición reducida que busca controlar un territorio e as súas comunicacións. Outro elemento singular de O Castrillón é a súa proximidade ao prominente castro do Couto de San Sebastián, probablemente ocupado durante a Idade do Ferro. Ambas as dúas fortificacións están apenas separadas polo Rego das Pucheiras, se ben o castro atópase a máis de cen metros de altitude por riba do recinto estudado.

Localización do Castrillón, en Touro, identificado como un posible castellum romano / Romanarmy

A través da prospección e escavación de sondaxes arqueolóxicas, a campaña tentará coñecer máis en profundidade a fortificación, as estruturas que integraban as súas defensas e achegarse na medida do posible á cronoloxía da súa construción. Con independencia da súa orixe romana ou noutro período, a investigación permitirá enriquecer o coñecemento arqueolóxico das fortificacións da provincia da Coruña, unha área especialmente abundante en recintos fortificados dos que O Castrillón representa un novo modelo con características propias.

Visita guiada

 O venres ás 17 horas, como paso previo ao peche de campaña, realizarase unha visita guiada e explicación dos traballos por parte do equipo de arqueólogos. A visita é gratuíta e non é preciso inscrición previa. O punto de encontro será nesta localización. A visita debe realizarse con calzado pechado e pode ser cancelada de acordo coas previsións metereolóxicas.

Un plan máis amplo

 O Castrillón será o segundo dos recintos investigados dentro do proxecto “Roma no Finis Terrae”, a través do que se busca coñecer como foi a chegada militar de Roma ao occidente de Galicia, no territorio da actual provincia da Coruña. En xullo, o equipo de investigadores tamén interviu no xacemento de Santa Baia (Soandres, A Laracha), confirmando a existencia dun campamento romano que inclúe no seu interior un castro previo da Idade do Ferro. O proxecto está financiado pola Deputación da Coruña.

Pode que che interese...