fbpx
Unha das estacións de petróglifos de Campo Lameiro danadas tras unha limpeza / A Furneiriña

Denuncian o “estado de abandono” do parque arqueolóxico de Campo Lameiro

Tempo de lectura: < 1 min.

O grupo municipal da formación PorVir de Campo Lameiro denunciou o “estado de abandono” no que se atopa o parque arqueolóxico de arte rupestre.

Nun comunicado, a formación política censurou o estado do parque que desde o seu inicio pretendeu ser un equipamento cultural creado pola Xunta co obxectivo de xerar un modelo integrado de xestión que “satisfaga o necesario equilibrio” entre conservación, investigación e difusión dos petróglifos de Galicia.

Ademais, lembrou que o concello de Campo Lameiro é considerado desde o ano 1974 como a capital da arte rupestre e a pesar diso “nin a Xunta nin o concello tomaron medidas acordes a tal réxime” para a protección dos petróglifos.

Así, denunciou a situación de Laxe dos Carballos que parece “un compostador” na súa parte máis baixa, “pedras soltas” na ruta de acceso ás principais estacións rupestres, o “estado de abandono” das áreas de descanso e na recreación do poboado da Idade do Broce unha cabana “está a piques de derrubarse”.

Por iso, solicitou que “exerzan a competencia legal” de coidado do patrimonio con medidas de restauración e mantemento e pon de manifesto o “deixamento de funcións da Xunta como do concello”, entre outras peticións.

Pode que che interese...