fbpx
Detalles dalgunhas columnas do Mosteiro de San Paio de Abeleda, en Castro Caldelas / O Sorriso de Daniel

Coñece glaciares, círculos líticos ou fermosos mosteiros medievais con Rutas de Historia

Tempo de lectura: 4 min.

Antigos glaciares, misteriosos círculos líticos, fermosos e esquencidos mosteiros medievais, paisaxes históricas de escritores ou pazos usurpados por ditadores. A sexta edición de outono-inverno de Rutas de Historia viaxará polo interior das terras de Celanova, Chandreixa de Queixa, Pobra do Brollón, Castrocaldelas e Sada.

Esta edición chega logo dos roteiros que tiveron lugar en Vigo (O Vigo de Paco del Riego: o renacer da cultura galega), Santiago (O sangue das pantasmas, unha viaxe ás sombras de Santiago) e A Coruña (A mansión dos milesios e fogar de Breogán, A Coruña que cantou Curros) entre maio e xuño pasado.

Tamén este ano tivo lugar a primeira edición de ‘Coñecendo a historia cos alcaldes de Galicia’, o novo proxecto impulsado por Rutas de Historia que converteu en guías turísticos e históricos por un día aos alcaldes de Tui (Pontevedra), Enrique Cabaleiro (PSdeG); Castro de Rei,(Lugo) Francisco Balado (PPdeG); Outes (A Coruña, Manuel González (Compromiso Outes) e A Mezquita (Ourense), Rafael Pérez (BNG).

Precisamente, Coñecer, amar, valorar e protexer a historia de Galicia é o principal obxectivo de www.rutasdehistoria.gal, un proxecto patrimonial impulsado polo portal web www.historiadegalicia.gal cun cun único fin: poñer en valor o seu patrimonio local.

Roteiros

As andainas terán lugar o 23 de setembro, 28 de outubro, 4 e 5 de novembro e 18 de novembro. Algúns deles serán de mañán e outros tamén de tarde e combinarán visitas con camiñatas. Os alcaldes, acompañados nalgunhas ocasións por divulgadores locais explicarán, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasan os camiñantes. As persoas interesadas terán que levar roupa axeitada e comida e bebida para o camiño. Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto www.rutasdehistoria.com ou www.rutasdehistoria.gal e terán que abonar 5 euros para pagar seguros e transporte.

 

1. Onde o mundo se chama Celanova… Unha viaxe de máis de 2.000 anos pola historia de Galicia (23 de setembro)

Este roteiro trata de coñecer o longo recorrido co que conta a historia de Celanova e cómo as sucesivas pegadas patrimoniais que esta deixou sobre o espacio, constitúen unha máis que fiel extrapolación da propia historia de Galicia.

Guía: Antonio Piñeiro. Xestor cultural no Concello de Celanova, escritor, divulgador, director da revista Auria e columnista de La Región

Vista aérea do Castro de San Lourenzo, en Cereixa, Pobra do Brollón

2. A Galicia de pedra: os Glaciares do corazón do país (28 de outubro)

Rutas de Historia coñecerá o proxecto Xeoparque Serra de Glaciares, nas Serras de Queixa, Conso e Manzaneda, unha ambiciosa iniciativa cultural centrada nun dos territorios mais fascinantes e descoñecidos de Galicia e que abranguerá percorridos dentro dos mais de 600 km2 da xeografía do inminente Xeoparque así como na dos concellos de referencia deste e nos que se inscribe ese senlleiro territorio.

Guía: Miguel Losada, divulgador, escritor e antropólogo

 

3. A república independente de Cereixa; cairns, ringworks, castros e aldeas perdidas (4 de novembro)

Esta parroquia da terra de Lemos vén sendo dende 2016 un campo de experimentación de novas formas de arqueoloxía comunitaria. Esta visita guiada abrangue a visita á Muradella: o primeiro cairn atlántico documentado en Galicia (2700-2600 a.n.e.), Ringwork de Vilarello: un espazo funerario ergueito na época de xurdimento do primeiros castros (X-IX a.n.e.) ou á aldea abandonada de Repil: onde tivo lugar un combate entre a Garda Civil e a 2ª Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia o 20 de abril de 1949.

Guías: Xurxo Ayán, escritor e arqueólogo e Olga Novo, poeta.

4. San Paio de Abeleda, unha viaxe ao medievo da man de Vicente Risco e Sarmiento (5 de novembro)

Percorreremos o Couto do mosteiro de San Paio de Abeleda aproveitando as historias que deste magnífico cenobio nos deixaron Vicente Risco e de fray Martín Sarmiento.Visitaremos as ruínas do mosteiro, as adegas vellas, o Pazo do Couto, as construcións auxiliares que a familia de Risco gobernou, a ponte pola que Sarmiento entrou ao Couto na súa visita. Un percorrido entre viñedos que se adentra tamén nos soutos e nas carballeiras, que nos levará ás fervenzas de Cachón.

Guía: Carme Varela, autora teatral, divulgadora e secretaria da asociación O Sorriso de Daniel

Meirás antes das reformas feitas polos Franco con pezas chegadas de toda Galicia, entre elas, do Pazo de Bendaña / remitida

5. A memoria de Meirás… Entre as luces de Pardo Bazán e as sombras de Franco (18 de novembro)

Este roteiro é unha homenaxe á memoria de Emilia Pardo Bazán e todo o que fixo e creou no Pazo de Meirás. Ela converteu a antiga granxa de Meirás, unha construción primitiva, nun pazo de altas torres señoriais como o vemos hoxe en día.

Guía: Eva Mejuto, xornalista e escritora

O proxecto

Os roteiros de Rutas de Historia queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia e dos concellos que a conforman. Tamén para crear conciencia entre a veciñanza de que a historia e o patrimonio poden ser un valor engadido para a dinamización da economía local.

O proxecto Rutas de Historia naceu en 2017 da man do xornalista e profesor da USC, Xurxo Salgado, co obxectivo de poñer en valor a nosa historia. Desde entón e ata hoxe se teñen realizado máis de 50 roteiros. Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal, colaboraron representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Colectivo Capitán Gosende, colectivo A Rula, a Asociación Cultural Roxín Roxal ou a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo. Tamén participaron arqueólogos como Xurxo Ayán ou Antón Malde e destacados divulgadores culturais e escritores de novela histórica como Anxo Angueira, Manuel Gago, Marcos Calveiro, Eva Mejuto ou Carmen Varela, entre outros.

Pode que che interese...