fbpx
Pintura de muller que mira o mar
Pintura de muller que mira o mar

Rosa de Corcoesto, a muller que cautivou ao bardo Pondal: emprendedora, transgresora, feminista pero… por que prostituta?

Tempo de lectura: 5 min.

Meniña, rapaza nova,
ouh, rosa de Corcoesto,
que brandeas con gracia
ós doces sopros do vento:
se é certo que por ti vivo,
se é certo que por ti peno,
se tan doce e dadivosa,
como din que es, é certo;
cúrame, ouh rapariga,
estas suidades que teño:
estas suidades da alma,
de non sei qué, que padezo;
ti tes dos meus males a doce menciña,
¡ouh, rosa de Corcoesto!

Queixumes dos pinos (1886)
Eduardo Pondal (1835-1917)

 

Nun século no que as mulleres eran invisibles ou eran ignoradas, neste poema de Eduardo Pondal hai un pensamento cara a unha muller concreta: Rosa de Corcoesto. Recordemos neste 8 de marzo, Día da Muller Traballadora quen foi Rosa de Corcoesto?.

Rosa ou o máis probable Carme da Ponte, era unha veciña da feligresía de Corcoesto, do lugar da Regueira. Tiña a súa casa na parte de abaixo da Ponte da Regueira. A casa non era propia. Rosa era unha muller moi nova cando Pondal a coñeceu. Traballara de criada na casa de Pondal, mais non de xeito habitual senón de cando en vez, cando a necesidade apretaba.

Era unha rapaza fermosa, ou polo menos Pondal así a describe, pero moi pobre. Chegou a ter dúas fillas de solteira, o cal era un estigma naquela época para unha muller. O pai das fillas era un home rico e casado, dun lugar próximo á Regueira, e dono da casa onde vivía Rosa.

O feito de que tivese dúas fillas sen estar casada, xa era motivo de marxinación para unha muller. De feito Pondal así a trata ao referirse: “se tan doce e dadivosa, / como din que es, é certo;”.

Camelios na igrexa parroquial de Corcoesto que coidou unha das fillas de Rosa de Corcoesto / Ismael López

Pero quen foi Rosa de Corcoesto na realidade? Por que lle dedica Pondal un poema?

Rosa era unha muller pobre, pero transgresora e loitadora. Tivo dúas fillas co home que ela quixo, sen casar. Rosa era unha boa coñecedora das herbas e dos seus poderes curativos e sanadores. Exercía labores de curandeira e chegou a rexentar un pequeno balneario á beira da Regueira. Alí aproveitaba as augas ferruxinosas do rego de Sta. Margarida de Baneira, especialmente eficaces para paliar estados carenciais e doenzas hepáticas. Pero tamén había á beira da casa na que vivía, unha fonte de augas sulfurosas para doenzas reumáticas moi típicas na época, onde as persoas adiñeiradas como Pondal ían tomar baños de asento. Chegou a rexentar incluso unha pequena taberna. Rosa era en definitiva unha transgresora, unha muller feminista e emprendedora.

O imaxinario patriarcal daqueles tempos ou ignoraba á muller ou presentaba unha imaxe negativa dela, ou idealizada. No poema que Pondal dedica a Rosa de Corcoesto hai un pouco de todo: unha imaxe negativa da muller, no senso de que é doce e dadivosa, e que tal vez se puidera prostituír, pero tamén hai unha muller idealizada en canto a súa beleza equiparable a dunha flor (rosa). O autor non ignora á muller, pero sí reduce a presenza desta a evocacións sensuais e sexuais de desexo paixoal.

Tal vez sexa o único poema no que o autor trata con certo agarimo a unha muller. De feito emprega palabras positivas, tenras e doces. Non obstante, estas mesmas palabras serven para indicar a debilidade da figura feminina, imaxe propia da cultura daquela época, na que a muller se brandea con gracia aos simples “doces sopros do vento”.

É moi probable que o mesmo autor usara os baños do balneario de Rosa, sobre todo naquela época, na que a hidroterapia estaba moi ben vista. De feito as augas ferruxinosas do rego de Sta. Margarida de Baneira, destacan polas súas cualidades curativas aínda hoxe en día. E é moi probable que Pondal coñecera a Rosa alí na Regueira de Corcoesto, onde se convertería nun cliente asíduo ao igual que outros moitos homes e mulleres da contorna, pobres e ricos.

Unha muller nada convencional

Rosa non era unha muller que se sometese ao papel asinado ás esposas e nais, de aí a sona implícita de prostituta, que Pondal tratou de disfrazar cos termos “doce” e “dadivosa” (“se tan doce e dadivosa, como din que es, é certo”).

O poema reflicte os prexuízos androcéntricos daquela época. O discurso patriarcal do XIX continuou no primeiro terzo do XX nos relatos costumistas, coa presenza de mulleres submisas á estrutura social imposta, nunha idealización na figura das casadas e na representación de lerchas e prostitutas, mulleres que non se sometían ao papel asignado de esposas e nais.

Camiño á Regueira, onde Rosa de Corcoesto realizaba sesións curativas / Ismael López

Rosa era muller, pobre, nai solteira, emprendedora, con coñecementos de botánica, dominaba o mundo das herbas mediciñais e da hidroterapia. Era unha figura marxinal na sociedade daquela época. Mais marxinal ou non, foi unha muller de sona, rescatada no poema de Pondal. Sen dúbida algunha a muller chamou a atención do autor. O seu papel de sanadora ou curandeira destaca no poema de Pondal, aínda que este a limita á súa capacidade para sanar os males e soidades da alma ou de amores, en relación ao desexo paixoal e amoroso, ignorando as demais capacidades e aptitudes de Rosa, que permaneceron ata hoxe en día na memora colectiva dos habitantes de Corcoesto que coetáneos con ela, a transmitiron de xeración en xeración, ata os nosos días.

Rosa era unha muller feminista e solidaria. Os coñecementos dos que dispoñía sobre das plantas transmitíaos a outras mulleres, a quen ensinaba o seu poder curativo. Dispoñía dun secadoiro de pescado propio para as troitas, lampreas e salmóns que collía nas pesqueiras do río. Pero tamén cultivaba ostras de auga doce no río Cardezo, que repartía con outras mulleres, a quen aconsellaba tomalas para reforzar as defensas e o sistema inmunolóxico.

As fillas de Rosa

Rosa tivo dúas fillas a quen lles pagou o billete para embarcar para as Américas. Consideraba que no país non había futuro para elas. Unha delas, Isabel finou ao pouco de chegar a Veracruz, México, procedente da Habana. A outra, Antonia, tomaría os hábitos para entrar de monxa nun convento. Mais Antonia regresou ao cabo dos anos para coidar a súa nai enferma antes de morrer. Ao finar Rosa, a súa filla Antonia abandonaría a casa da Regueira para vivir nun local anexo á igrexa parroquial de Corcoesto, e desenvolver na parroquia a súa labor de axuda aos pobres e coidar o camposanto.

As avoas aínda lembran as ringleiras de rosais que adornaban a entrada á igrexa cando eran nenas. Madriña Antonia, como lle chamaba a veciñanza de Corcoesto, vivía da caridade da xente pero a súa bondade e dedicación aos pobres permaneceu na memoria colectiva. Obra súa son os dous camelios senlleiros que adornan hoxe en día a fachada barroca da igrexa de San Pedro de Corcoesto.

(Os feitos aquí descritos están baseados na memoria da veciñanza de Corcoesto, sobre todo das persoas máis maiores, quen á súa vez escoitaron os feitos dos seus pais, nais, avós e avoas. De calquera xeito, está dedicado con todo cariño ás persoas nel mencionadas)

Escrito por

Divulgador e presidente da Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo

Pode que che interese...