fbpx
Ponte Maceira - Ames
Ponte Maceira, estrutura medieval que une os concellos de Ames e Negreira e que un histórico paso do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía / Galipedia

Ponte Maceira, a histórica ponte que viviu batallas medievais, na procura do BIC

Tempo de lectura: 2 min.

Todos os grupos políticos de Ames apoian o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Ponte Maceira, o primitivo paso romano sobre o río Tambre, que une os municipios de Ames, e que é unha destacada ponte medieval na ruta xacobea a Fisterra.

O Concello de Ames aprobou nun debate plenario a pasada semana o inicio dos trámites correspondentes para esta catalogación. Unha decisión que foi ratificada por todos os partidos políticos de Ames: PP, PSOE, Ames Novo, Contigo Pódese, Pacto por Ames, BNG e o edil non adscrito Javier López mediante a fórmula dunha moción de urxencia presentada polo grupo de goberno.

No texto do acordo incídese en que en Ponte Maceira “atópase uns dous elementos históricos e arquitectónicos máis representativos de ambos os concellos e do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía”, á vez que se resalta que a estrutura, “tamén coñecida como Ponte Vella, é paso permanente de peregrinos, turistas e visitantes, ademais de constituír un lugar de referencia do patrimonio cultural galego”.

A lei establece que, para formar parte do rexistro de BIC, hai que demostrar que existe “interese histórico, artístico, científico ou social”. Tal recoñecemento depende da Dirección Xeral de Patrimonio. Tamén é necesario que o Concello de Negreira tome un acordo das mesmas características, un trámite que se espera que realice en breve.

Escenario de guerras e de lendas

“…Por este tempo o conde Pedro, aio do rei, cos seus fillos Bermudo e Fernando e os seus auxiliares, molestaba a Compostela e asaltaba frecuentemente os homes e os gandos. Unhas veces saía ben, outras dáballe as costas ás frechas, segundo as vicisitudes da guerra. Como o pasou en Ponte Maceira, e os moitos homes e armas que perdeu, sería longo de contar…”.

Así relata a Historia Compostelá unha batalla entre os homes do primeiro arcebispo de Compostela Diego Xelmírez e as tropas de Pedro Froilaz de Trava e os seus fillos Fernando Pérez de Trava e Bermudo que tivo lugar a comezos do século XII. Tamén houbo outra batalla en tempos do bispo Fonseca II.

O certo é que esta ponte está chea de historia. Construída sobre o Tambre, aproveitou os piares doutra romana anterior. Consta de cinco arcos e dous máis pequenos. Xunto á ponte hai un conxunto monumental formado polo poboado primitivo, un antigo muíño, unha presa, a capela e un pazo moderno.

Ponte Maceira era e é paso obrigado no Camiño marítimo de Santiago xa que une a cidade do Apóstolo Santiago con Fisterra. Existe unha coñecida lenda, que tamén xa recollera o Códice Calixtino (Libro III, Capítulo I), que relaciona Negreira coa tradición xacobea grazas a unha batalla entre cristiáns e romanos que, supostamente, tivo lugar neste lugar.

Pode que che interese...