fbpx
Aparcamento de San Caetano coa Estación de Autobuses de Santiago ao fondo / paxinasgalegas.com

Santiago recupera o espírito urbanístico do século XIX para un dos seus barrios

Tempo de lectura: 4 min.

Artigo de Íñigo M. Riobo

San Caetano, o tradicional barrio de Santiago no que na década dos oitenta se asentou o corazón administrativo de Galicia, acollerá nos terreos da estación de autobuses os novos edificios da institución. O proxecto “Mineral Vexetal” gaña o concurso de proxectos para a obra.

O pasado venres 22 de xullo o vicepresidente Alfonso Rueda e a conselleira Ethel Vázquez daban a coñecer o fallo do concurso da Xunta de Galicia para a construción dun novo complexo administrativo en San Caetano. O proxectoMineral Vexetal ideado polo arquitecto Celso López Mártir, resultou gañador da convocatoria da Xunta e premiado con 30.000 euros, no que se salientou o carácter funcional do proxecto cun esquema de distribución sinxelo e implicado co lugar. En el a ideas  do mineral, a pedra, e o vexetal do paisaxe galego, así como o xogo de transparencias co que se enlaza co edificio actual da Xunta, conseguiron seducir o xurado do concurso encabezado por Francisco Méndez Iglesias.

O proxecto de construción dun novo edificio da Xunta no recinto da antiga estación de autobuses, que será abandonado unha vez construída estación intermodal, foi presentado o pasado mes de abril pola concelleira de Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, a través dun concurso público de proxectos. Este novo edificio para a función pública daría acubillo a 1300 funcionarios con despachos, salas de reunións, un espazo reservado a arquivo, así como aparcadoiro e gardería. Entre as condicións requiridas polo organismo destacábase a funcionalidade, versatilidade, eficiencia enerxética e integración estética co complexo precedente. O edificio que se espera que estea construído no horizonte do 2020, implicará unha inversión de 20 millóns de euros, pero segundo estima o executivo, aforrará en alugueiros uns 5,6 millóns anuais.

Con este proxecto San Caetano volve recuperar a idea de centralidade que tivera no segundo lustro dos anos oitenta, despois de que ó longo das seguintes décadas o complexo fora quedando pequeno e se construíran e proxectaran novas instalacións administrativas noutras zonas da cidade,especialmente no barrio de San Lázaro. De feito, durante a primeira década do actual século a labor de renovación arquitectónica das sedes administrativas da Xunta centrouse en novos edificios nas delegacións locais de cidades como Lugo, Vigo ou Pontevedra, así como a torre de Portos de Galicia proxectada para o barrio compostelán de Santa Marta. De feito o edificio que alberga a institución como sede central pedía dende fai tempo unha renovación, xa que a falta de espazo interno se lle suma a progresiva perda de cor das súas fachadas.

Recuperar o espírito do século XIX

Mais en principio a intervención, tan só servirá para paliar o primeiro dos dous problemas, cunha nova expansión que será de feito a nova imaxe administrativa do lugar. O edificio, que se asentará sobre o solar da actual estación de autobuses terá unha presenza renovada sobre a Avenida de Lugo e unha relación estreita co edificio precedente, o antigo Colexio de Xordomudos e Cegos de Santiago. Xa a primeira intervención rehabilitadora dos anos oitenta tivera un importante papel na renovación da súa contorna dando lugar ó enlace de avenidas de nova construción, mais tamén de espazos axardinados. A intervención non só tivo como centro o antigo sanatorio, senón que foi ademais un espazo que formulou un novo papel representativo para o barrio dentro da idea territorial de Galicia. O centro, a intervención sobre obra desenrolada un século atrás en estilo ecléctico converteuse no referente deste espazo urbano.

Eugenio Montero Ríos, político e xurista galego, ministro e presidente do Consejo de Ministros de España con María Cristina de Habsburgo-Lorena

Eugenio Montero Ríos, político e xurista galego, ministro e presidente do Consejo de Ministros de España con María Cristina de Habsburgo-Lorena

A obra orixinaria iniciouse dentro do período de mecenazgo público correspondente coa primeira etapa de goberno no executivo central de Montero Ríos, 1885-1886. Durante esta etapa do chamadomonterismo construíronse importantes edificios na cidade de nacemento do político, edificios que cambiaron a fisionomía da urbe e consolidaron o seu carácter monumental durante o século XIX. Neste momento, ademais do Colexio de Xordomudos e Cegos, construíse a Facultade de Veterinaria, situada na rúa do Hórreo, sede actual do Parlamento de Galicia, así como a Facultade de Medicina e a ampliación do edificio do Universidade, actual Historia. Todas estas grandes obras do período teñen un referente común propio da época, a intervención do Estado na construción urbana a través de grandes infraestruturas públicas deseñadas para a educación e a sanidade, como representación construída do cambio de paradigma que se produce en España a partires de 1808.

De xeito intencionado ou non, este mesmo carácter de monumentalidade o pé da cidade histórica foi retomado coa nova situación política e representativa nacida do Estatuto de Autonomía de 1982, coa localización en dous de estes espazos de institucións do goberno galego que utilizaron para representarse a imaxe histórica do eclecticismo monumental do períodomonterista. Así a vella Facultade de Veterinaria pasou a ser, a través da intervención do arquitecto Andrés Reboredo Santos o Parlamento de Galicia, mentres que o conxunto de intervencións sucesivas de Manuel Gallego Jorreto no antigo edificio de Xordomudos e Cegos deu para este lugar a nova función utilitaria e representativa para acoller o edificio central do executivo de Galicia, quedando así lexislativo e executivo localizados nos dous principais edificios construídos naquela etapa.

Fontes: Europapress, La Voz de Galicia e elaboración propia.

Pode que che interese...