Carlos V e Felipe II nun óleo de Antonio Arias Fernández

Xoán Sarmiento Valadares, un dos homes máis poderosos de Galicia con Felipe II

O licenciado Xoán Sarmiento Valadares debeu de nacer en Fefiñáns arredor de 1530 e finou en Madrid en 1599, un ano despois que o seu señor El-Rei, Filipe II. Era un dos fillos de Gonzalo Valadares Sarmiento, “o vello”, señor de Fefiñáns, e Catalina Fandiño Soutomaior, que fundan vínculo e morgado das propiedades en 1562, (ver xenealoxía). Como acontece en todas as familias nobres da época, o fillo primoxénito, neste caso, Gregorio Valadares, herda o título e as propiedades do morgado, polo que as fillas buscarán matrimonios ventaxosos, para o cal adoitan levar un substancioso dote. E os fillos menores farán carreira militar, administrativa ou eclesiática. Así aconteceu co seu irmán Ares López Figueroa que chegou a ser coengo en Astorga ou o frade Marcos Valadares, catedrático de Teoloxía en Salamanca e procurador xeral da orde dos predicadores en Roma, onde faleceu en 1587.

Xoán Sarmiento escollerá o estudo e o servizo ao rei como funcionario da súa corte. Estuda leis no colexio maior de Cuenca da Universidade de Salamanca, entre os anos 1566 e 1571. En 1574 xa é oidor na Chancillería de Granada e en 1579, alcalde de Casa e corte do rei Filipe II, cargo polo que sabemos que cobraba 225.000 marabedís ao ano. Foi tamén asistente na cidade de Sevilla entre 1588 e 1589. O cargo de asistente da Xustiza en Sevilla, unha especie de alcalde ou correxidor na época, era unha das máis altas maxistraturas da coroa. Sevilla era daquela a cidade máis próspera e poboada de Castela, debido ao comercio con América. A ocupación deste cargo está documentada, entre outras fontes, pola cita que fai Miguel de Cervantes nunha das súas novelas exemplares (El coloquio de los perros), na que di:

“Dejólos encerrados y volvió a coger los trofeos de la batalla, que fueron tres vainas, y luego se las fue a mostrar al Asistente, que si mal no me acuerdo lo era entonces el licenciado Sarmiento de Valladares, famoso por la destrucción de la Sauceda”

Refírese Cervantes ao falar da Sauceda a unha banda de delincuentes que se movían sen control pola Serraría de Ronda, en concreto no lugar de La Sauceda, ata que chegou o licenciado Sarmiento e os fixo apresar, e colleu desde entón fama de home duro e decidido.

Na fachada oeste do Pazo de Fefiñáns, baixo o escudo dun dos constructores do pazo, Gonzalo Valadares, “o mozo”, atópase esta escultura en relevo que podería representar a Xoán Sarmiento Valadares / Maribel Iglesias

Xoán Sarmiento continuaría ascendendo na súa carreira, unha especie de cursus honorum, que seguían os licenciados en leis polos distintos organismos xudiciais e políticos na corte dos reis casteláns do Antigo Réxime. Deste xeito en 1589 accede a unha praza no Consello Real (tamén chamado Consello de Castela) o principal órgano de goberno da Monarquía Hispánica no s. XVI. Vázquez de Arce, presidente deste consello, dirá de el que era: “diligente, entendido y buen letrado”. Outro informe ao seu favor para o cargo di que: “acompañó a su Majestad la Emperatriz [refírese a María, muller do Emperador Maximiliano e irmá de Filipe II] en la yda y buelta de Lisboa, que fue en servicio de vuestra Majestad en la jornada de las cosas de Aragón (…) es de 51 años, a [hace] los 16 que sirve en los dichos oficios”. Deste texto poderiamos deducir a súa data de nacemento, se fose efectivamente certo que en 1589 tiña 51 anos, entón naceu en 1538.

Finalmente é promovido para a o Consello de Cámara do Rei, en 1595, un consello segregado do de Castela, que asesora ao rei sobre nomeamentos na administración e “gracias” e “mercedes” que concede o rei.

Unha cadea de tres quilos de ouro

O 7 de marzo de 1597 fai testamento en Madrid, do que conservamos unha trascrición nun boletín da RAG grazas ao historiador cambadés José Caamaño Bournacell. Deste documento sacamos algúns datos de interese:

– Manda que sexa soterrado nunha das capelas do Mosteiro da Santísima Trindade de Madrid (onde parece que foi soterado tamén Cervantes), ata que sexa trasladado polos seus herdeiros á Capela Maior da igrexa de san Bieito de Fefiñáns, “donde soy natural” e onde están enterrados os seus antepasados. Non temos a seguridade de que este traslado finalmente se producise.

– Nomea como albaceas e testamentarios (entre outros) á súa muller Xoana Faxardo “que de presente esta reside en la dicha Villa de Fafiñanes” e ao seu irmán o coengo Ares López Figueroa “mi hermano que está en la dicha Villa de Fafiñanes”.

– Pide ao seu señor o rei Filipe II “de hacerle merced” ao seu sobriño Gonzalo Valadares Sarmiento, futuro vizconde de Fefiñáns, fillo do defunto Gregorio Valadares, o seu irmán maior, e María de Andrade. Fai constar que sempre foi a súa vontade de crialo e adoutrinalo para que cando tivese a idade servise o rei. Igualmente deixa un dote de casamento de 500 ducados para a súa sobriña Xoana Valadares, irmá de Gonzalo Valadares.

– Deixa unha cadea de ouro “que tiene diez y ocho vueltas y pesa tres mil gramos poco más o menos”. Foi un regalo da emperatriz María, muller do emperador Maximiliano e irmá de Filipe II, polos servizos que lle prestou na viaxe a Lisboa da que falaba outro documento ao que xa fixemos mención. Indica que a cadea quede perpetuamente incluída no morgado de Gonzalo Sarmiento. Tamén fala de “una sortija grande de oro con su sello labrados las armas de mis señores Padres en una esmeralda” e pide que se use para aderezar a custodia do Santísimo Sacramento os días de Xoves Santo e Corpus.

– Nomea herdeiro universal de todos os seus bens ao seu irmán, Ares López Figueroa para que sexa usufructuario deles e despois da súa morte pasen ao seu sobriño Gonzalo Sarmiento para que os integre no morgado. Ares López Figueroa fora nomeado polo finado de seu irmán Gregorio Sarmiento, como titor e administrador dos bens dos seus fillos menores: Gonzalo e Xoana. A súa nai: María de Andrade pleitearía posteriormente varios anos con Ares López por desavenencias na administración da herdanza.

O testamento engade un codicilo feito posteriormente, pero non indica a data. Obviamente tivo que facerse entre 1597 en que se asina o anterior e 1599 en que morre. Sorprende que nese breve lapso, morre a súa primeira muller e casa coa segunda: Constanza Zúñiga Mendoza. Non tivo fillos con ningunha das dúas, pero si un fillastro da segunda muller: o xurisconsulto Antonio Pazos Figueroa.

En moitos textos aparece Xoán Sarmiento como o iniciador das obras do Pazo de Fefiñáns, nada di acerca disto no seu testamento. Só aparece unha mención a un dos testamentarios, Antonio Pimentel, na que lle pide que “mire por la casa de mis padres”. Tamén se lle atribúe ser o que comunica á Señoría de Venecia a vitoria na batalla de Pavía. Está claro que se trata dunha confusión porque esta batalla foi en 1525 e o noso personaxe non puido nacer antes de 1530. O erro iníciao seguramente Manuel Murguía, ao afirmalo no seu libro Galicia de 1888, baseándose nun artigo de 1864 de Athanase Rendu (pax. 39), pero está claro que non é o mesmo Juan Sarmiento, as datas non cadran. Tamén se lle confunde ás veces cun inquisidor que viviu no século seguinte e que leva os seus mesmos apelidos: Diego Sarmiento Valadares, cousa frecuente na extensa liñaxe familiar dos Sarmiento Valadares ou Valadares Sarmiento, que a miúdo invertían a orde dos apelidos para diferenciarse uns dos outros.

Vella foto da ponte de Pontearnelas da que non sabemos a data, pero aparece o muro co escudo e inscrición na parte central

Reedificación de Pontearnelas

O que si parece seguro é que se conseguiu por iniciativa súa a reedificación da ponte de Pontearnelas. Pode que xa existise nese emprazamento unha ponte romana, logo reformada na Idade Media (menciónase nun documento de 1287) e á altura de finais do s. XVI debíase de atopar en bastante mal estado. A localización da ponte coincide cun estratéxico cruce de camiños, seguramente importante xa desde época romana. Por este punto sobre o río Umia estaba a conexión entre Vilagarcía, Vilanova, Cambados… con Pontevedra e con Lois, Lantaño, Portas e Caldas e tamén cara a Portonovo, xa que xunto coa de Caldas, foi a única ponte sobre o Umia ata fins do s. XIX . Esta rede viaria mantívose na época medieval e moderna, e recibiu os nomes de Camiño Francés, ou Real ou tamén Camiño Vello e de Santiago.

Consérvase nun extremo da ponte (trasladado como vimos) o escudo real de Filipe II e unha inscrición hoxe incompleta pero que reproduciu Luís Bouza Rei e que recolle Vila Fariña no seu libro Notas para a historia de Pontearnelas, dicía así: REINANDO EN ESPAÑA EL CATOLICO REI PHILIPE SEGUNDO DESTE NOMBRE SIENDO DE EDAD DE SETENTA Y UN AÑO MANDÓ REDIFICAR ESTA PUENTE POR SU MANDADO EL SEÑOR LICENCIADO (en negriña aparece o que se conserva da primitiva inscrición).

A inscrición de Pontearnelas, hoxe incompleta / Maribel Iglesias

Se Filipe II tiña 71 anos a reconstrución tivo que rematarse en 1598, o mesmo ano da morte do rei e un ano antes da morte do Licenciado Sarmiento. Non se cita expresamente a Xoán Sarmiento na inscrición, pero o feito de que se fale do licenciado e de este estivese ao servizo do rei nese momento confirman que tivo que participar. Pese a que a construción se vincula directamente a Filipe II, é probable que este só dese a autorización e que fose a casa de Fefiñáns a que desembolsase o diñeiro. Esta ponte, como dixemos, era importantísima para o transporte de persoas e mercadorías no Salnés, e os señores de Fefiñáns eran os primeiros interesados en facilitar que a xente chegase doadamente ao mercado semanal que se facía en Fefiñáns, o máis importante da zona nesa época, e polo que cobraban substanciosas rendas. A construción da ponte tamén supuña o cobro dun portádego ou peaxe, outra fonte importante de rendas. Segundo o Catastro de Ensenada (s. XVIII) referíndose ao dominio da casa de Fefiñáns di que “en los siglos pasados han sido de el dominio de la Dignidad Arzobispal que ha desmembrado de ella esta jurisdicción con otras de su facultad pontificia a favor del Sr Phelipe II para que las pudiese vender en favor de las urgencias que padecían entonces la Monarchía y que los predecesores de dicho conde [de Fefiñáns] las tenían adquirido de su Real Majestad por título de venta”.

Este texto confirma que os dominios dos Valadares foron adquiridos durante o reinado de Filipe II e por venda, debido aos apuros económicos que pasaba a monarquía, metida en demasiadas guerras. Tense dito que o Licenciado Sarmiento intermediou nesta operación de venda, pero o feito de que se cree o morgado en 1562, antes de que el estivese na Corte, pode poñelo en dúbida. Comprounas entón Gonzalo de Valadares (“o vello”) pai do licenciado? Este aparece nas escrituras como almirante e merino das fortalezas de Lobeira e Lantañón e xuíz da xurisdición da Lanzada e Fefiñáns por cesión do arcebispo compostelán, o anterior propietario destas terras. O señorío de Fefiñáns estendíase entón polas parroquias de Corbillón, Vilariño, Oubiña, Ribadumia, Besomaño e Leiro. Outro motivo para reparar a ponte e ter comunicadas todas as terras do señorío.

Outra información que se repite nalgúns autores é que se lle atribúe ao licenciado a construción da torre de homenaxe ou torre-miradoiro que está situada a carón do camiño Real que vén de Caldas, nun dos extremos da horta do pazo. A familia refírese a ela como torre da homenaxe, función que estaría xa un pouco desfasada a finais do s. XVI (data probable da súa construción). Si parece máis acertada a función de torre-miradoiro, non só como finalidade lúdica para os señores da casa, senón tamén de vixilancia dos traballos dos criados, na horta do señor.

A torre de Fefiñáns en 1947. Fotografada polo arquitecto Durán Loriga

A torre presenta na súa fronte unha coñecida inscrición, que dá atinados consellos de sabedoría humanista ao camiñante que pasa a carón dela. Tamén se dubida se a inscrición é do s. XVI, redactada por Xoán Sarmiento ou posterior, do s. XVIII, debida a Bieito Pardo Figueroa, ilustrado e tradutor de Horacio, que coñecía ben os textos clásicos e a sentenza atribuída a Sócrates que encabeza a inscrición, hoxe ilexible.

Lembro a miña compañeira Joaquina Gil de la Peña como a recitaba de memoria e percibo como o espírito que desprenden estas frases aínda está vivo hoxe nos habitantes deste pazo.

CONÓCETE A TI MISMO

Por semejanda a Dios procede como hechura de su mano.
Huye del vicio. Busca la virtud. Aborrece el ocio, ama el trabajo.
No seas soberbio, antes humilde.
No mientas porque es la mayor vileza de los viles.
Procura los amigos mejores que tú, pues con esto y verdad,
secreto y limpieza de alma, nos sucede bien todo.
Da lo que pudieres bien distribuído.
No olvides los beneficios ni te acuerdes de las injurias si quieres aparecerte a Dios,
y advierte que el osar morir da la vida,
porque los honores con grandes peligros y trabajos se adquieren.
Ama y teme a Dios y atribúyele los sucesos porque no hay otra fortuna.

http://fotosantigascambados.blogspot.com.es/

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Profesora no IES Francisco Asorey de Cambados, apaixoada da historia e autora do blogue fotosantigascambados.blogspot.com.es

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: