fbpx
Ilustración do libro de Chemi Lombardero publicación“O comercio marítimo da Ría de Ribadeo nos séculos XVI e XVII”

Cando Ribadeo foi o gran porto dos Habsburgo no Occidente de Europa

Tempo de lectura: 2 min.

O porto de Ribadeo é o gran porto descoñecido de Galicia, pero a súa historia oculta galeóns afundidos (como xa abordamos en HdG) e milleiros de transaccións comercais con todo o mundo. Foi un centro receptor e distribuidor de materias primas e produtos manufacturados do Occidente asturiano e da provincia de Mondoñedo, e chegou incluso a ter influencia en terras do Bierzo e outras áreas de Castela. E todo iso co visto e prace da coroa española.

“O porto tiña un dereito real a efectos de control e pago de impostos polo que todo o tráfico de altura tiña que saír ou pasar por Ribadeo”, explica o investigador Chemi Lombadero, na publicación“O comercio marítimo da Ría de Ribadeo nos séculos XVI e XVII” tal e como recolle o Xornal da Mariña.

Parte das mercadorías -especialmente a madeira, procedente na súa maioría de Asturias- chegaban ao porto a través dos ríos Navia e Eo. Viño, graxa de balea, ferro, sal, sardiña, madeira, doelas, embarcacións, breas, peles, aceite, aceitunas, salazóns, froitas, tecidos e grans de trigo e centeo, conformaban o tráfico marítimo destes séculos.

Réplica dun dos galeóns da Armada Invencible que Felipe II enviou contra Inglaterra

Comerciantes estranxeiros

A actividade comercial propiciou o establecemento en Ribadeo de comerciantes de fóra da vila e o posterior florecemento de casas armadoras como as de Ibáñez ou Bengoechea que manterían o porto como centro de referencia ata finais do século XIX, coincidindo coa transición ao vapor.

De feito, máis de setecentos barcos foron identificados utilizando o porto de Ribadeo, e os outros da ría, Castropol e Figueras, durante os séculos XVI e XVII nun tráfico comercial que os converteu en instalacións fundamentais na corrente do tráfico do Atlántico europeo.

Os veleiros saían das intalacións portuarias con madeira en bruto ou elaborada para o sur peninsular, preferentemente para Lisboa e Andalucía, manufacturas de ferro, cal, pedra de cal e coiros; e entraban con sal, ferro, cereais panificables, peles, aceite ou viño. Todo o artigo en Xornal da Mariña.

Pode que che interese...