fbpx
Detalle dos frescos de San Vizenzo dos Vilares

Frescos renacentistas corren o risco de desaparecer en Lugo

Tempo de lectura: 3 min.

Os frescos da igrexa de San Vicenzo dos Vilares (Guitiriz), do seculo XVI e da autoría do Mestre do Parga corren o risco de desaparecer se non se acometen urxentemente a súa consolidación e posterior recuperación.

A Igrexa dos Vilares conforma un conxunto único cos seus retablos dos séculos XVII e XVIII, o sartego e o calvario e unha romaría dos desamparados emblemática en todo a Terra Chá e alén de Montouto. Trátase dun conxunto de grande interese na iconografía relixiosa, o patrimonio histórico e un ben turístico a preservar e potenciar.

A Asociación Sociocultural Lareira de soños leva anos pedindo a intervención neste monumento. “As pinturas, son un valioso ben patrimonial de difícil recuperación cando acadan un alto grado de deterioro, un camiño que emprenderon xa as dos Vilares”, apunta.

Estado das pinturas murais de San Vizenzo dos Vilares en distintos anos

Agardando dous anos

De feito, van xa dous anos desde que a entidade se reunira coa daquela titular de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto. Anteriormente xo fixo cos anteriores responsables desa área. Pero ata o de agora, pouco se ten feito ao respecto.

Pilar García Porto amosouse disposta a acometer esta restauración e mesmo aclarou que podería ser en dúas anualidades e nos informou que tiña visitado a igrexa coa alcaldesa. A Asociación presentou por rexistro un proxecto valorado e mesmo solicitou os preceptivos permisos da parroquia, bispado e Patrimonio da Xunta adiantando así prazos para a execución desa actuación, para a que se concretarían cantidades no mes de outubro de 2015, unha vez aprobados os orzamentos provinciais.

“Pasados dous anos, a resposta a numerosas chamadas e correos electrónicos, e mesmo conversas con personal desa área foi o silenzo”, indica a asociación que ten realizado tamén un estudio do deterioro neses dous anos e, avanza, “o resultado é moi preocupante”.

Frescos de San Vizenzo dos Vilares

Por iso, reclama que se retome este asunto “con celeridade”. A entidade pedíu xa un encontro co actual titular de Cultura, o chairego Eduardo Vidal Baamonde. “Enviarémoslle un S.O.S. para os frescos da igrexa na que foi bautismado o poeta Díaz Castro e do que agardamos un maior compromiso que o obtido até agora”, sinala.

Frescos únicos

Estes elementos pictóricos fóronse conservando pola costume profiláctica desde o século XVI de calear as paredes para evitar a proliferación de pestes e enfermidades.

Datan, segundo un estudo de Monterroso Montero, do Século XVI, probablemente de 1530 a 1540 na que coinciden tamén cos da igrexa de San Estevo de Parga e probablemente o autor, polas coincidencias iconográficas das pinturas, da autoría do Mestre de Parga, moi coñecido na época.

Os frescos sitúanse á dereita e á esquerda. Así na parede da esquerda á entrada representan tres escenas; a lamentación de Cristo Morto, a imposición da casulla a San Ildefonso e Santiago Matamouros. Os da parede á dereita da entrada representan ornamentos xeométricos e fragmento de escenas de paisaxe.

Pode que che interese...