fbpx
Luar no Pico Sacro / escuelainiciaticapicosacro

Druídas e políticos celebran no Pico Sacro o solsticio de verán

Tempo de lectura: 2 min.

Esta fin de semena tivo lugar a cerimonia de acendido do lume puro do sol no Pico Sacro. Unha celebración organizada pola Asociación do Castro da Fervenza de Callobre, do concello de A Estrada, para recuperar o sentido da celebración pagá do solsticio de verán coa obtención do lume por medios naturais.

A cerimonia celta do solsticio estivo presidida pola Raíña Alda (cuxo nome significa “a máis fermosa”), quen chegou acompañada dunha comitiva ataviada con roupa celta procedente de Callobre, no concello da Estrada, e de Boqueixón.

O ritual, levado a cabo por un “druída”, consistíu en prender lume puro do Sol nun pebeteiro, só coa calor do astro rei, tal e como facían os nosos devanceiros, soando de fondo a gaita galega. Acendido o pebeteiro, a Raíña recolleu o lume cun facho e leu o pergamiño que contén a Alegoría do lume.

O lume sagrado custodiarase na capela de San Sebastián do Pico Sacro e ofrecerase a todo aquel que queira prender as fogueiras “con lume puro do Pico Sacro” na máxica noite de San Xoán. En Santiago poden acudir a recollelo na praza de Mazarelos de Santiago o día 23.

A este acto asistiron, ademais de “druídas”, diversos políticos. Así estiveron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro. Acompañáronos o alcalde de Boqueixón, Manuel F. Munín, o tenente de alcalde da Estrada, Juan M. Constenla, e a concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois.

Acendido do lume puro do sol no Pico Sacro / xunta.gal

O solsticio de verán

Nas comunidades celtas de outrora e mesmo actuais, a celebración do solsticio de verán constitúe unha das festas máis importantes do ano. Os druídas encendían fogos circulares en lugares sagrados. O significado deste ritual era demostrar que se estaba en harmonía cos deuses e coa natureza, tras o cal os presentes recibían a bendición do druída. “Para os pobos da antigüidade, as montañas sempre constituíron un lugar enchido dunha forza misteriosa capaz de romper a planitude do chan debido a unha forza demoníaca ou divina”, apunta a asociación.

O Pico Sacro, “mansión de druídas e dotado de virtudes curativas”, foi inicialmente coñecido como Ilicino, cos romanos foi o Mons Sacer, para pasar xa co cristianismo ao seu actual nome. Foi e segue a ser obxecto de peregrinacións de fieis pagáns, que consideraban que estes lugares, identificados coa fin do mundo, eran portas de entrada ao outro mundo.

Pode que che interese...