fbpx
Facultade de Medicina da USC / USC

O que escribiron Franco, Severo Ochoa ou a raíña Sofía na Facultade de Medicina da USC

Tempo de lectura: 3 min.

A Universidade de Santiago de Compostela presenta este xoves, 22 de xuño, unha publicación moi especial. Trátase do Álbum de visitas da Facultade de Medicina de Santiago 1933-2016, un libro que recompila todas as intervencións plasmadas no libro de firmas da facultade compostelá ao longo de 83 anos, practicamente desde a inauguración do emblemático edificio da rúa San Francisco.

A presentación desta particular historia da Facultade de Medicina coincide coa posta en marcha dos trámites para construír a nova facultade na contorna do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), tras case 400 anos de historia no casco vello de Santiago.

Este Álbum de visitas, editado por Ediciones Bolanda, é un facsímile comentado do libro de firmas da facultade, polo que, ademais de reproducir as dedicatorias e firmas orixinais que deixaron personalidades internacionais de primeiro nivel, a publicación inclúe textos e fotos que explican quen é cada un e por que visitou a facultade.

O responsable deste traballo é o actual decano da Facultade de Medicina, Juan J. Gestal Otero, quen levou a cabo durante o último ano un inxente labor de documentación que agora ve a luz nesta coidada edición que o propio decano presentará en compaña do reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

A historia da Facultade de Medicina a través do álbum de firmas

Foi o 2 de decembro de 1933 cando o decano Antonio Novo Campelo “tivo a xenialidade de abrir un álbum de visitas da Facultade de Medicina que deixase constancia das principais visitas e feitos destacados da facultade, pero tamén dos logros e avances que se ían producindo na vida docente e na sanidade mundial”, explica o Juan Gestal.

Premios Nobel, xefes de Estado e médicos ilustres

Entre os asinantes hai varios premios Nobel, como o portugués Egas Moniz, o español Severo Ochoa, Vernon Mountcastle, André Courmand ou Andrew Schally; destacadas personalidades do ámbito médico e científico nacional e internacional, como Mariano Gómez Ulla, o cirurxián militar español con maior proxección internacional; Guido Fanconi, considerado o fundador da Pedriatría moderna; Francisco Grande Covián, pai da Dietética, Barcia Goyanes, Jiménez Díaz, Laín Entralgo, Paul Hoffmann, René Fontaine, V. Meininger, Thomas Glick ou Pío del Río Hortega, a figura máis destacada –despois de Cajal– da chamada Escola Histolóxica Española e en cuxa honra se abriu o libro de firmas.

Tampouco faltan as de políticos e xefes de Estado, como Francisco Franco –e a súa muller Carmen Polo– con motivo da visita realizada en 25 de xullo de 1954, ano santo, para realizar a ofrenda ao Apóstolo e inaugurar o Hostal Parador e o Hospital Clínico de Galeras; Dona Sofía “reina consorte de España”, que visitou a Facultade en 1983 para clausurar o Curso Internacional para a Prevención da Deficiencia Mental e Estimulación Precoz; ou a de Manuel Fraga en 1990 durante a cal anunciou a creación de cinco novas Escolas de Enfermaría en Galicia.

Outras personalidades do ámbito universitario, cultural e social completan unha lista de 200 firmas que supón un “bo resumo dos case cen anos de historia da Facultade de Medicina de Santiago”, tal como afirma o seu actual decano, que asegura “ter gozado buscando a información e escribindo este Álbum de visitas, pese ao enorme esforzo de investigación que supuxo, tanto para identificar algunhas das firmas como para encadralas no seu contexto histórico”.

Pode que che interese...