fbpx
Imaxe alegórica de Santiago matamouros

A historia do 25 de xullo, o día grande de Galicia e de España?

Tempo de lectura: 5 min.

O 25 de Xullo é un día especial para Galicia, é o seu día grande, o seu día nacional e festivo desde hai 37 anos. Pero, foi sempre así?. Por que é este día e non outro o día dos galeg@s?.

Este día figura como festividade oficial e Día de Galicia por decreto da Xunta publicado no DOG do 1 de xaneiro de 1979.Entón, ningunha das grandes forzas políticas opúxose a pór nun papel unha data que, desde 1919, era o día marcado para celebrar a festa de todos os galegos. Ese ano, reunida en Santiago de Compostela a Asemblea das Irmandades da Fala, acorda celebrar o 25 de xullo do ano seguinte como Día da Patria Galega. Unha decisión na que participaron históricos galeguistas como os irmáns Vilar Ponte, Losada Diéguez, Risco ou Cabanillas.

“Trátase dun recordo da Patria natural que, desde antigo, como agora e sempre, ha de ser a única patria verdadeira do home”, recollía uns días despois o semanario A Nosa Terra, o órgano de expresión deste grupo de galeguistas. Uns anos despois, en 1920, algúns pobos galegos acollen unha xornada de festexos para conmemorar ese día aínda que as celebracións foron limitadas.

Habería que esperar ata mediados dos anos 20 para que ese día se celebrara en case toda Galicia, e mesmo nos centros da emigración galega, con música e panfletos que difundían a ideoloxía galeguista e o uso da lingua galega. Pero a Ditadura de Primo de Rivera trunca esa celebración, que se converte nun acto máis íntimo entre os políticos galeguistas ata 1930.

Coa chegada da República as celebracións do “25 do Santiago”, como se coñecía antigamente a este día e aínda se segue facendo en zonas rurais de Galicia, volveron retomar un carácter festivo e reivindicativo.

Precisamente, ese carácter reivindicativo levou a que o 28 de xuño de 1936 fose aprobado o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia coa participación de máis dun millón de galegos na votación. Deles, 999.351 deron o ‘si’ ao autogoberno.

Celebración do Día da Patria GAlega en 1979

Os anos escuros do franquismo

Pero, novamente, o franquismo ocultou ese día que, curiosamente, pasou a ser o Día de España. Precisamente, as autoridades franquistas, para tentar borrar o marcado carácter galeguista e nacionalista dese día recorreron á Igrexa para tentar españolizar esta data. E botaron man da historia, lembrando que no ano 1122 o papa Calixto II decidiu implantar o Ano Santo Compostelán, cando o 25 de xullo caera en domingo.

Foi durante esa época cando se magnificou a figura de Santiago “matamouros”, santo que desde o século IX os reis da reconquista recoñecían como o seu patrón e que no século XVII fixeron oficial. Foi por obra do papa Urbano VIII, quen parece que por presións do clero compostelán en 1630 decidiu, baixo o reinado de Felipe IV, que o apóstolo Santiago o Maior fora recoñecido oficialmente como único patrón de España (que desde 1627 compartía con Santa Teresa de Xesús). Esta decisión fíxose conxuntamente co recoñecemento por parte da Igrexa de que os seus restos estaban enterrados en Compostela e establecendo ademais que a festividade de Santiago Apóstolo se celebrara cada 25 de xullo.

Desde 1646, por obra de Felipe IV, está institucionalizado o Voto de Santiago, que seguindo a tradición dos reis cristiáns do norte da Península nos tempos da Reconquista, daba unha ofrenda por parte dos reis, príncipes e do arcebispo de Compostela á Igrexa de Santiago cada 25 de xullo. Esta ofrenda segue tendo lugar a día de hoxe, aínda que de forma simbólica, na celebración da misa no Día do Apóstolo.

Curiosamente, e a pesar de ser Santiago o patrón de España, non é un día festivo no conxunto do Estado, como si o é o 12 de outubro, considerado como o “Día da raza”. Só Euskadi e Navarra seguen mantendo a festividade neste día, ademais de Galicia. Un día do que se descolgou Madrid e La Rioja este ano.

Celebración do Día Nacional de Galicia en 1984

Pero segue sendo o día dos galegos

Volvendo a Galicia e a pesar da represión franquista, o Día da Patria Galega seguíu celebrándose, principalmente, na emigración. Así, destaca en 1948, a “Alba de gloria”, o discurso realizado por Castelao no Centro Galego de Buenos Aires. En Galicia, esta convocatoria queda relegada a unha tradicional misa por Rosalía de Castro na igrexa de Santo Domingo de Bonaval á que acoden vellos galeguistas como Ramón Piñeiro e xente da esquerda.

“A misa celebrábase en galego e era un acto de autoafirmación galeguista que adquiría, mesmo, trazos de protesta”, lembraba Ceferino Díaz, dirixente do Partido Socialista Galego (PSG) e primeiro portavoz do PSdeG-PSOE no Parlamento galego. Eran finais dos anos sesenta, nos que, ademais, o PSG e a Unión do Povo Galego celebraban actos clandestinos para conmemorar este día.

Moitos destes actos, especialmente a partir dos anos 70, acaban en fortes enfrontamentos coa policía franquista que continúan, mesmo, coa entrada na democracia. En 1976, tras a morte de Franco, prodúcese a primeira manifestación o día 25 de xullo liderada polo Bloque Nacional Popular Galego (BNPG) -a formación que deu lugar ao BNG-. “Había moita presenza policial e Santiago estaba tomada pola Policía”, lembraba Xesús Veiga, ex secretario xeral do Movemento Comunista Galego (MCG), de corte nacionalista, e ex deputado polo BNG.

Día Nacional de Galicia ou Día da Patria Galega?

Ese ano, o primeiro na monarquía de Juan Carlos I, o Rei decide acudir a Santiago para render ofrenda a Santiago, patrón de España e de Galicia. A cidade blíndase pola policía e teñen lugar manifestacións reivindicativas. Os actos reivindicativos sucédense a finais dos anos 70 e neles teñen especial protagonismo os grupos de corte nacionalista, aínda que tamén participa o PSG.

En 1978 constitúese o Goberno preautonómico con presenza de UCD, PSOE e AP, as únicas que tiñan presenza nas Cortes de Madrid. Preside ese pre-parlamento Antonio Fernández Rosón que decide impulsar un acordo entre todos estes grupos para designar o día 25 de xullo como “Día Nacional de Galicia”, co visto e place do Partido Comunista. Non lle gustou tanto o nome -non a data- aos grupos nacionalistas, especialmente, ao BNPG, que o interpretou como unha “manobra” para diluír a reivindicación nacionalista. Para os colectivos nacionalistas e independentistas ese día seguiríase chamando, e aínda se segue chamando, “Día da Patria Galega”.

A partir de 1981, coincidindo coa posta en marcha da primeira Cámara galega e coa aprobación oficial dese día, endurécense, curiosamente, as medidas de seguridade en torno ao 25 de xullo. O Goberno civil da Coruña prohibe as manifestacións nacionalistas que, con todo, continúan celebrándose.

E é nos anos 90 cando o día grande dos galeg@s se institucionaliza como xornada de reivindicacións políticas. Todos os grupos, nacionalistas, socialistas e populares se suman a estas reivindicacións con actos simbólicos que chegan aos nosos días.

Pode que che interese...