fbpx
VI Asemblea Nacionalista en Monforte de Lemos, en 1922, cos membros das Irmandades da Fala / galipedia

Ferrol homenaxea ás Irmandades da Fala con roteiros pola cidade

Tempo de lectura: 3 min.

A cidade de Ferrol quere homenaxear ás Irmandades da Fala, que este ano cumpren 100 anos, co programa “Ferrol coas Irmandades da Fala”, unha serie de roteiros que se celebrarán os sábados do próximo mes de outubro a partir das 17.00 horas.

Serán sete etapas nas que se percorrerá a historia da cidade. Así, os roteiros previstos serán:

“No uso do galego latexa a nosa liberdade”
Nesta parada inicial reivindícase a primeira vez que se usou a lingua galega de forma íntegra en Ferrol nun acto público. Foi o 11 de Febreiro de 1917 no Salón Amboaxe, un antigo cine situado no colexio dos Mercedarios. Pronunciounas Antón Vilar Ponte. O 15 de Abril dese mesmo ano, logo deste acto, fican constituidas as Irmandades de Ferrol, con Xaime Quintanilla como conselleiro primeiro

Xaime Quintanilla, irmán da fala

A segunda parada do roteiro reivindica o papel do ex alcalde como principal dinamizador das Irmandades na cidade e fundador da editora Céltiga. Lémbrase, por tanto, a súa casa como punto de encontro da intelectualidade ferrolá, onde mantiña un faladoiro no que participou o propio Carvalho Calero.

“Toxos e Froles, fachenda das nosas raíces

Malia que semelle todo dito sobre o coro, cómpre facer fincapé en que é pioneiro como coro do proletariado e na incorporación da muller ao mesmo, no período 1020-1923, durante o que ingresaron cinco mulleres, entre elas a actriz Pilar Suárez

El Correo Gallego contra o galego
Podería ser un títular de hoxe, pero xa vén de lonxe”, apuntan desde o concello. Así, lembra que, desde a Rúa Real 181, o director de El Correo Gallego bufaba contra as Irmandades. O xornal chegou a publicar que “defender os intereses galegos era un crime de lesa patria”. Coa lingua por bandeira, sen embargo, inaugurouse o primeiro local das Irmandades de Ferrol na rúa Rúal o 13 de decembro de 1917.

En Ferrol naceu a primeira editora en galego

A Irmandade da Fala fundou Céltiga, o primeiro proxecto editorial no noso idioma. Na súa colección apareceron trece títulos que combinaban os autores da cidade con outros de relevancia no ámbito galego como Castelao.

A Capela Sisitina Galega

Bello Piñeiro asina o conxunto mural co que se inaugura o Casino de Ferrol (1925). Unha creación de cento cinco metros cadrados ao que se lle chama a Capela Sistina Galega malia ser pouco coñecida para o público en xeral, incluso nestes tempos nos que a pintura mural está a ter un grande protagonismo social e cultural en case todas as grandes vilas e cidades.

Un teatro para facer país

O teatro Jofre convértese no epicentro do teatro galego. É neste escenario onde se estrean as obras máis importantes das Irmandades da Fala, entre elas: Donosiña, de Xaime Quintanilla, que xa en 1920 tentaba rachar tabús abordando o tema do adulterio feminino.

Ramón Villar Ponte foi o principal impulsor das Irmandades da Fala / galipedia

Ramón Villar Ponte foi o principal impulsor das Irmandades da Fala / galipedia

Dignificar a memoria

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, reivindicou, durante a presentación deste programa, a Ferrol como unha cidade que historicamente foi pioneira en moitas cousas e como unha sociedade plural con moitos anos detrás de loita colectiva, polo que animou á cidadanía a participar.

Ademais, salientou a aposta do actual goberno municipal por impulsar a cultura de rúa e por dignificar a memoria e a autoestima da cidade. Neste sentido, o roteiro das Irmandades supón unha boa oportunidade, na súa opinión, “para empaparnos e dignificar a nosa memoria histórica, que sexa un motivo de orgullo”.

O concelleiro de Participación, Álvaro Montes, coincidiou co alcalde en que Ferrol é algo máis que unha cidade da ilustración, que tamén, “pero que aínda está por descubrir”, de aí o roteiro presentado, que se suma aos organizados xa o pasado ano sobre Carvalho Calero e Ferrol Rebelde.

Pola súa parte, Marcos Abalde, que será o responsábel de guiar aos asistentes, explicou as sete paradas que compoñen o roteiro e que veñen resumidas nunhas pequenas publicacións realizadas para o evento.

Pode que che interese...