fbpx
Fantasía dunha batalla naval / foto 12019 CC0

Queres coñecer in situ a gran batalla naval de Brión?

Tempo de lectura: 3 min.

25 de agosto de 1800 desembarcaban na praia de Doniños e noutros lugares das costas exteriores de Ferrol un exército de 15.000 británicos comandados polo tenente xeneral James Pultney. Procedían de cerca de 100 navíos, entre eles 21 buques de guerra e barcos de transporte. O obxectivo dirixirse ós montes e tomar o castelo de San Felipe pola retagarda, mentres os barcos de guerra o atacaban dende o mar.

Mais avisados por vixías do Monte Ventoso, tropas regulares dos cuarteis de Ferrol e voluntarios, baixo as ordes do capitán Topete, enfrontáronse a eles reforzando a defensa do castelo. Na mañá do 26 os británicos tentaron asaltar a fortaleza máis esta resistiu e as tropas inglesas víronse obrigadas a retirarse e máis tarde a abandonar a costa cara os seus navíos.

É a coñecida como Batalla de Brión ou Batalla de Doniños. Unha guerra no contexto das Guerras Napoleónicas cando España era aínda aliada de Francia, que á súa vez estaría en Guerra co Reino Unido. Máis tarde as tropas francesas someterían a coroa española, que, pola contra, aliaríase cos británicos para independizar os territorios ocupados polo réxime de Napoleón.

Castelo de San Felipe en Ferrol / foto Turismo de Galicia

Unha exposición permanente para coñecer esta historia

‘Defensa de Ferrol: A batalla de Brión’. Esta é a exposición permanente que se inaugurará o vindeiro xoves 1 de abril no castelo de San Felipe. A exposición instalarase na Sala de Cureñas do Castelo e buscará pór en valor a importancia deste episodio da historia militar de Galicia, e unha das maiores batallas acontecidas nas terras de Ferrol.

A exposición, da que xa falamos no noso medio, forma parte do programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020 para o proxecto MMIAH, un plan liderado por Ferrol e integrado por outras oito cidades que busca poñer en valor o litoral urbano do espazo atlántico a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras,

Tamén facilitar o seu uso social e xerar actividades de valor engadido co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica. A cidade de Ferrol forma parte deste proxecto xunto a Cádiz, Ílhavo en Portugal, Plymouth e Liverpool en Inglaterra, Caen e La Rochelle en Francia e Limerick e Cork e Irlanda.

Castelo de San Felipe / foto Concello de Ferrol

Seis grandes bloques para revivir unha batalla histórica

A mostra incluirá diversos elementos gráficos e visuais para explicar e poñer en valor a través de seis bloques temáticos os acontecementos dos días 25 e 26 de agosto de 1800. No primeiro, o contexto histórico da batalla, versará sobre o momento no que se produciu o ataque dos ingleses a territorio ferrolán. O segundo bloque abordará os escenarios, como os montes de Brión e Doniños, o propio castelo, a situación da cidade e das súas murallas e arsenal, o porto e as baterías.

En terceiro lugar, a exposición ‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ dedicará outro bloque ós protagonistas do sucedido, tanto do bando británico como do español. Repasará as personaxes máis importantes da loita, como John Borlase Warren, James Pulteney ou o Conde de Donadío. O cuarto apartado da mostra fará un reconto gráfico das armas e do número de tropas coas que contaban os dous bandos e explicará as súas características máis importantes.

Castelo de San Felipe en Ferrol / foto Turismo de Galicia

Pola súa banda, as vestimentas e os uniformes dos exércitos constitúen un tipo de patrimonio moi rechamante, polo que ocupará o quinto bloque da exposición. O sexto e último apartado estará dedicado exclusivamente á contenda, cun percorrido que comezará o día que os ingleses se aproximaron a Ferrol.

O fin do Concello de Ferrol co deseño de ‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ é poñer a dispor dos visitantes unha mostra que logre “transmitir a importancia do episodio histórico” a través dunha exposición “entretida, atractiva e de calidade” que logre xerar “curiosidade” ó redor da batalla de Brión, concluíu a concelleira María Teresa Deus.

Pode que che interese...