fbpx
Castelo de San Felipe / foto Concello de Ferrol

Así será a próxima rehabilitación no castelo de San Felipe de Ferrol

Tempo de lectura: 3 min.

A torre do século XIX da batería baixa do castelo de San Felipe será rehabilitada e convertida en espazo de exposición. Así foi decidido pola Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol, que recuperará este espazo do excepcional castelo, icona da ría, dentro do seu proxecto de recuperación litoral.

Trátase dunha iniciativa conxunta das concellerías de Promoción Económica e de Patrimonio Histórico, que dirixen respectivamente María Teresa Deus e Eva Martínez Montero. Contará cun prazo de execución de catro meses e cun orzamento de 86.301 euros, 13.698 por debaixo do previsto. O proxecto faise ó abeiro do programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020 para MMIAH.

Castelo de San Felipe en Ferrol / foto Turismo de Galicia

Unha recuperación completa do edificio

O proxecto contempla unha rehabilitación completa do edificio que pasará a converterse nun importante espazo expositivo. Contempla o picado e encintado en fachadas, revocos de cal en mal estado nas bóvedas interiores, eliminación de elementos descontextualizados como instalacións de saneamento na fachada, a demolición de fábricas de ladrillos ou bloque descontextualizados, a limpeza dos muros de cantería e a execución da cuberta.

Procederase á colocación de carpintería de iroko en portas, así como estruturas de vidro fixo nas fiestras, Tamén se fará unha nova instalación eléctrica e dotación de elementos de loita contra incendios e se colocarán elementos expositivos como caixóns de soporte de maquetas e paneis retroiluminados.

Castelo de San Felipe en Ferrol / foto Turismo de Galicia

Un lugar para coñecer a historia da defensa da cidade

Para o seu interior artéllase un discurso expositivo ó redor do papel que tiveron os castelos na defensa da cidade, con especial atención ós acontecementos dos días 25 e 26 de agosto de 1800. Os bloques temáticos da mostra serán seis e incluirá diversos elementos gráficos e visuais para explicar estes feitos.

O primeiro, o contexto histórico da batalla, versará sobre o momento no que se produciu o ataque dos ingleses a territorio ferrolán. O segundo bloque abordará os escenarios, como os montes de Brión e Doniños, o propio castelo, a situación da cidade e das súas murallas e arsenal, o porto e as baterías.

En terceiro lugar, a exposición ‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ dedicará outro bloque ós protagonistas do sucedido, tanto do bando británico como do español. Repasará as personaxes máis importantes da loita, como John Borlase Warren, James Pulteney ou o Conde de Donadío. O cuarto apartado da mostra fará un reconto gráfico das armas e do número de tropas coas que contaban os dous bandos e explicará as súas características máis importantes.

Castelo de San Felipe en Ferrol / foto Turismo de Galicia

Pola súa banda, as vestimentas e os uniformes dos exércitos constitúen un tipo de patrimonio moi rechamante, polo que ocupará o quinto bloque da exposición. O sexto e último apartado estará dedicado exclusivamente á contenda, cun percorrido que comezará o día que os ingleses se aproximaron a Ferrol.

Un proxecto para recuperar as cidades costeiras fortificadas do Arco Atlántico

 E é que a rehabilitación farase dentro do proxecto MMIAH, abeiro do programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020. Trátase dun plan liderado por Ferrol e integrado por outras oito cidades do Arco Atlántico europeo que busca poñer en valor o litoral urbano do espacio atlántico a través da recuperación de bens en desuso asociados ó patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras do atlántico europeo.

Búscase facilitar o seu uso social e xerar actividades de valor engadido co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica para todos os núcleos participantes. No proxecto participan, ademais de Ferrol, as cidades de Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda).

Castelo de San Felipe en Ferrol / foto Turismo de Galicia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...