O PP rexeita declarar BIC o Castro Lupario, ameazado por unha liña de alta tensión
A Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia acaba de rexeitar o pasado xoves, tal e como recolle o diario Nós, unha petición do grupo parlamentario socialista para que o Castro Lupario e o excepcional conxunto patrimonial que o rodea poda ser declarado Ben de Interese Cultural. A proposta presentada pola parlamentaria Noa Díaz foi vetada polo Partido Popular, con maioría na cámara.
O feito é especialmente controvertido, pois asociacións culturais e veciños, levan anos pedindo esta declaración. Pídese tanto para recoñecer a importancia deste importante lugar arqueolóxico como pola necesidade de protexer coa máxima figura que outorga a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia un lugar seriamente ameazado por unha liña de alta tensión da compañía Red Eléctrica.
O castro da Raíña Lupa, pazo, ponte, aldea, petróglifos e Camiño Real
E é que o castro polo que pasará a liña é un lugar dunha importancia excepcional. Pois trátase dun xacemento relacionado coa lenda da Raíña Lupa e non moi lonxe da cidade de Compostela. Ademais no lugar, ó redor dunha única aldea, atópase o Pazo de Faramello, a ponte de Paradela e o cruceiro de Francos, ademais dun tramo de Camiño Real, que é tamén Camiño de Santiago.
Ademais todos estes elementos dunha enorme importancia arqueolóxica, etnográfica e cultural, atópanse nun entorno privilexiado de bosque mixto de grande valor. Mais dende fai xa varios anos a construción dunha liña de alta tensión está a ameazar este espazo, polo que asociacións culturais, grupos políticos e veciños están a pedir á Xunta a paralización do proxecto.
De feito, foron os propios veciños os que organizaron unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org, que a día de hoxe leva recollidas preto de 1.200, e que se pode asinar aquí. E é que a propia liña pasa directamente por riba do entorno da liña de murallas do xacemento, así como, tal e como se explica no vídeo, do pazo, Camiño Real e aldea, obrigando a corta definitiva dunha franxa de 200 metros de ancho, sobre estes elementos.
A declaración do conxunto como BIC, que lévase reivindicando dende antes xa de coñecerse o proxecto de Red Eléctrica, daríalle ó xacemento o maior rango de protección que outorga a Lei de Patrimonio Cultural. A declaración obrigaría, probablemente, a replantexar o proxecto e a situalo fora do ámbito de protección de 200 metros que se establece para os xacementos arqueolóxicos, de xeito preventivo dende o momento da súa incoación.
O Consello da Cultura Galega en contra do proxecto
E é que, de feito, o problema chegou mesmo ó Consello da Cultura Galega. Pois Comunidade de Veciños de Angueira de Castro solicitou a institución o pronunciamento sobre o impacto sobre o patrimonio da liña eléctrica de alta tensión (LAT) Lousame-Tibo. Pois entre as súas competencias do Consello está analizar cuestións se refiran ó patrimonio cultural e elevar ós poderes da Comunidade Autónoma informes e propostas a favor da súa defensa.
Unha vez revisada a documentación achegada pola asociación o Consello emitiu un informe no que se analizan os bens patrimoniais que caracterizan o ámbito xeográfico polo que pasa a liña, así como o Camiño Portugués. Os técnicos do Consello informaron desfavorablemente á intervención dándolle a razón ós veciños, nun informe que pode consultarse na propia web do Consello.