Continúan os achados nas rías galegas: extraen un canón de bronce do século XVI na ría de Mugardos
As rías galegas estanse a revelar como un dos lugares máis ricos para a arqueoloxía subacuática, dando ano tras ano excepcionais achados. Nesta ocasión foi o caso dun canón de bronce do século XVI, que foi extraído na mañá do día de onte do leito mariño na ría de Mugardos.
Trátase dunha peza anterior a 1579 e que tería a súa orixe máis probable ben nun naufraxio dunha embarcación ben que se guindasen pola borda pezas de grande peso pasa evitar un afundimento. A peza foi rescatada pola Unidad de Buceo de Ferrol da Armada Española, nunha operación liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio.
O canón de bronce, así como outros elementos extraídos onte, serán trasladados ó Museo Naval de Ferrol, onde serán restaurados e posteriormente expostos. A actuación intégrase dentro dun proxecto desenvolvido en colaboración entre o goberno galego e a Armada Española na que tamén se desenvolveu a intervención levada a cabo durante as últimas tres semanas no pecio San Giacomo de Ribadeo.

Rescate do canón da ría de Mugardos / foto Xunta de Galicia