Participantes na creación da Rede pola Defensa do Patrimonio Galego / Soledad Felloza

Case 70 entidades apoian xa a Rede do Patrimonio Cultural

Un total de 54 entidades puxeron en marcha a Rede do Patrimonio Cultural de Galicia o pasado 3 de xuño. Pero menos dun mes despois son xa 69 os socios que contan xa cun sitio web lanzado este venres para dar a coñecer a súa natureza, os seus obxectivos e o seu traballo, e para coordinar o labor dos asociados.

O Museo do Pobo Galego acolleu a xuntanza inicial para a posta en marcha da Rede do Patrimonio Cultural, convocada por un grupo de entidades e colectivos que levaban traballando na proposta varios meses, e que publicaron unha Declaración que resumía os motivos e os obxectivos básicos da rede. As entidades promotoras foron: Asociación Cultura do País, Asociación Ecoloxista Adega, Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Asociación Petón do Lobo, Colectivo a Rula, Gentalha do Pichel, Historiadegalicia.gal, Mariña Patrimonio, PatrimonioGalego.net e Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).

Nesta xuntanza, e no traballo en rede posterior, que culminou co remate do periodo de alegacións o 14 de xuño de 2017, definiuse a configuración e obxectivos iniciais da rede, ratificada finalmente polas entidades e constituída o 23 de xuño de 2017. Finalmente o documento foi aprobado por 69 entidades que representan a pluralidade dos intereses do patrimonio cultural, desde o Navia até o Támega, desde As Médulas até Fisterra, incluíndo asociacións locais, comarcais, interrexionais ou nacionais.

Obxectivos

Asociacións que apoian a Rede polo Patrimonio Cultural Galego / Soledad Felloza

A Rede do Patrimonio Cultural márcase oito obxectivos principais. En primeiro lugar, entende o patrimonio cultural galego como un dos principais activos sociais, identitarios e económicos do país e, polo tanto, como un recurso estratéxico para a sociedade galega contemporánea que debe ser conservado e transmitido, nas mellores condicións, ás vindeiras xeracións.

En segundo lugar, a rede acolle entidades que teñan por obxectivos a defensa e posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como inmaterial, e configúrase como un instrumento orientado a aqueles ámbitos territoriais ou sociopolíticos que resultan de difícil acceso para cada unha das entidades en particular.

En terceiro lugar, na rede poden participar as asociacións, colectivos e entidades civís interesadas na divulgación e protección do patrimonio cultural. Ademais, e como cuarto obxectivo, pretende ser un instrumento para a visibilización das actividades e accións das entidades participantes alén dos seus círculos habituais de difusión.

Como quinto obxectivo, a Rede do Patrimonio Cultural quere ser tamén unha ferramenta de comunicación interna entre as entidades, que debe favorecer o intercambio de coñecemento e de experiencias entre todos os seus membros, especialmente naqueles eidos de coñecemento especializado (administrativo, xurídico, xestión, comunicación, etc.). Isto farase desde o núcleo dixital da rede, o novo sitio web, estreado este venres pasado: redepatrimonio.gal.

O sexto obxectivo é situar a educación, tanto a formal, impartida nos centros educativos, como a informal, destinada á sociedade en xeral, como un obxectivo central no seu desenvolvemento e nas súas accións.

Como sétimo obxectivo establece que se considerará o ámbito cultural da Eurorrexión e outras rexións limítrofes co territorio administrativo de Galicia como ámbitos de atención e incentivará a colaboración con axentes e entidades dos devanditos ámbitos.

Por último, a rede camiñará cara a constitución dunha entidade formalizada administrativamente, co obxectivo de participar en procesos públicos como mesas sectoriais, órganos consultivos ou similares.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: