fbpx
Cartografia Lidar en 3D

Destinan 3,6 millóns de euros para facer un mapa arqueolóxico de Galicia que xa existe

Tempo de lectura: 2 min.

Geopard. Así se chama un novo proxecto impulsado polo Goberno galego xunto a outras doce entidades de Galicia e do norte de Portugal para tentar “mapear” todos os sitios arqueolóxicos da eurorrexión, ademais da cultura inmaterial.

Mámoas, petróglifos, castros, pazos, cruceiros, hórreos, castelos, muíños… Todo estará nese gran mapa virtual da arqueoloxía galega. Un proxecto que custa 3,6 millóns de euros dos fondos Intereg e que pretende, segundo un dos seus impulsores, Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica Rexional e coordinador do equipo da USC, crear un “sistema de bases cartográficas conxuntas de acceso en liña no que todos estes recursos estarán situados con coordenadas exactas”.

“Queremos recuperación unha cultura orixinaria común que se está perdendo. Desde o megalitismo e os castros, aos ciclos festivos da sociedade rural, como o Entroido ou a celebración da Semana Santa”, apuntou en declaracións en La Opinión de A Coruña.

A web patrimoniogalego.net xa chega a todos os concellos de Galicia

Por iso, e para achegar a historia aos cidadáns de ambos os países, decidiron apostar pola xeolocalización. A través da construción dun sistema de información xeográfica, pretenden situar os bens arqueolóxicos, arquitectónicos e etnográficos tanto galegos como do norte portugués nun mapa virtual en liña.

Xa existe patrimoniogalego.net

A intención e os obxectivos do proxecto son sumamente interesantes. Con todo, o que pretende facer o Geopard xa o está facendo unha gran web social desde hai seis anos, patrimoniogalego.net, cando menos en Galicia. De feito, e tras seis anos de percorrido, esta web de xeolocalización de bens patrimoniais está a piques de alcanzar as 10.000 fichas inventariadas.

Con todo, as diferenzas son evidentes. Mentres o Geopard é un proxecto institucional, dotado con 3,6 millóns de euros, patrimoniogalego.net é un proxecto social, no que participan, ao igual que www.historiadegalicia.gal, amantes do patrimonio de todos os recunchos de Galicia, sen ningunha remuneración económica, só co obxectivo de catalogar as riquezas arqueolóxicas do país.

De feito, os bens catalogados desta web, perfectamente xeoreferenciados, están acompañados de información relativa ao seu nivel de protección, estado de conservación, afeccións urbanísticas que os ameacen ou a súa biografía histórico-artística. Precisamente, os mesmos datos que tamén levará o Geopard.

A gran diferenza é que o proxecto institucional contará con financiamento e, obviamente, con máis recursos. Por iso, conterá arquivos sonoros e visuais e a incorporación de 1,5 millóns de documentos da Eurorrexión a un repositorio web. Tamén contempla a creación de rutas literario-filolóxicas, como a dos trobadores galego-portugueses da Idade Media, ou a construción dunha base de vocábulos que permita mergullarse nos vínculos lingüísticos da veciñanza da Eurorrexión. Ademais incorporará a clasificación dos 40.000 macrotopónimos, xa recollidos pola Administración.

Pode que che interese...