fbpx

O achado dunha impresionante muralla case intacta revoluciona as escavacións do castro de Bexo

Tempo de lectura: 3 min.

Unha impresionante muralla pode cambiar a idea que ata agora se tiña do Castro de Bexo, unha impresionante fortaleza de 3 hectáreas que se atopa no Concello de Dodro e que está sendo estudiada grazas ao esforzo desinteresado de veciños e comuneiros, a pesar dos atrancos do propio Concello, que mesmo quere impoñerlles unha sación por, supostamente, “non ter respetado a legalidade urbanística”.

Durante a recente actuación neste xacemento por parte da Asociación de Veciños, a  A.C. Unidade Veciñal de Dodro e a Comunidade de Montes “Cruz do Avelán”,  que consistiu na limpeza e eliminación do eucalipto na denominada “Eira dos Mouros” ou croa NO, como primeiro paso para a eliminación total en todo o xacemento arqueolóxico, a pregunta que nos facíamos era por onde podía ser a entrada ó recinto. 

Zona norte cun rebaixe rodeado de muralla.

No mapa das curvas de nivel apreciase unha gran fochanca en forma de V con dirección ó centro do castro, (frecha amarela) e que atravesa dúas murallas,  segundo se ve nos mapas LIDAR. Coa asistencia do arqueólogo Carlos Otero, director do proxecto arqueolóxico, un grupo de veciños logramos abrirnos paso entre a grande cantidade de toxos, xestas e fieitos ate chegar ó que debeu ser a primeira muralla defensiva de todo o recinto e que nunca se documentara nin se fotografara. O estado da muralla está case intacto e pódese ver unha gran parte do lenzo e a entrada na que parece apreciarse unha sorte de escaleiras que soben ate a seguinte terraza.

Esta muralla xa fora documentada nunha visita anterior tal e como relata o xornalista Manuel Gago no seu blogue, e foi agora cando o equipo arqueolóxico que traballa no castro se decatou da súa importancia.

Plano lidar coa situación do lenzo de muralla

    

Estamos pendentes dunha datación cronolóxica desta muralla e dunha limpeza nunha próxima campaña para descubrir totalmente unha das entradas ó castro. As labores de limpeza empezan a dar os seus froitos.

E isto todo sen apoio de ningunha institución pública, coa nula colaboración do goberno do concello, que aínda pon trabas ó traballo abrindo “expediente de reposición da legalidade urbanística” á Comunidade de Montes.

 

Un proxecto de recuperación en comunidade

“Porque se non se ama o que non se coñece, tampouco se protexe”. Ás veces os restos arqueolóxicos parecen verse como unha morea de pedras, vellas pero mudas e incomprensibles que soamente se sabe delas porque sae nos libros ou nas revistas que consultan os especialistas. Porque temos que achegarnos ó noso patrimonio e comprendelo e incorporalo como unha parte da nosa vida que recibimos dos nosos antepasados e que debemos transmitir ós nosos fillos,  dende a Asociación Cultural da Unidade Veciñal de Dodro, a Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño, a Xunta Rectora da Comunidade de Montes en Man Común “Cruz do Avelán” pretendemos facer un proxecto de Arqueoloxía en Comunidade, colectivo, aberto á veciñanza e duradeiro no tempo que faga do Castro de Bexo un emblema para todo o concello de Dodro e que, grazas a súa privilexiada situación, pódese constituír como un perfecto referente para estudar a evolución da paisaxe histórica de toda a comarca e un recurso turístico sostible con base patrimonial.

O Castro de Bexo é o máis monumental do concello de Dodro, e posiblemente de toda a comarca, cas súas case tres hectáreas de xacemento e nunca foi estudado, nin gozou de intervención arqueolóxica, pese a ser o que mellor conserva as estruturas que aínda se poden ver a simple vista.

Pode que che interese...