fbpx
Mámoa de Negueira de Muñiz / Xabier Moure

Descuberta unha mámoa a 1.000 metros en Negueira de Muñiz, a 100 metros do límite con Asturias

Tempo de lectura: 2 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares documentou unha mámoa do período Neolítico sen catalogar no concello de Negueira de Muñiz. Foi a uns 1.000 metros de altitude, preto do casarío do Carballín, na parroquia de Ouviaño, e a pouco máis de 100 metros do límite con Asturias. O túmulo mide 11 metros de diámetro e ten unha altura de 0,50 metros. Apréciase un cráter de violación con pouca profundidade. Sobre a mámoa vense restos de pequenas pedras que formarían parte da coiraza pétrea que recubría o túmulo. Os traballos agrícolas que antano se efectuaron sobre o xacementos afectaron á masa tumular o que non impide afirmar que se atopa en relativo bo estado de conservación.

En Negueira de Muñiz son escasos os xacementos prehistóricos. Do neolítico temos unha mámoa entre Foxo e Vilauxín, na parroquia de Barcela (moi estragada e de acceso complicado), e esta que acabamos de documentar.

Pena dos Encantos, en Negueira de Muñiz / Xabier Moure

Da Idade do Ferro temos os posibles castros de O Castro e O Castriño (a moi pouca distancia o un do outro polo que é posible que se tratara do mesmo asentamento), ambos os dous na parroquia de Ouviaño e preto do límite coa Fonsagrada, que se levantaban sobre o río Navia (agora sobre o encoro de Salime-Negueira). Estes castros estaban situados nun ramal da vía romana que unía Lucus Augusti (Lugo) con Lucus Asturum (Lugo de Llanera, en Asturias).

Non moi lonxe destes castros está a coñecida como A Pena dos Encantos que a páxina web do Concello de Negueira cita como un xacemento arqueolóxico cando non existe evidencia algunha de que no lugar apareceran restos que o confirmen. Segundo nos contaron uns veciños ao redor da pena hai unha lenda dunha moura que adoitaba aparecerse xunto unha fonte que hai no lugar, encantando a todo aquel que dubidara do seu poder. Un dos informantes lembra que a principios dos anos trinta do pasado século uns homes baixaron cunha corda pola pena para ver se atopaban o tesouro que agochaba.

Negueira, arqueoloxicamente é un dos concellos máis esquecidos da provincia. O achado xa foi comunicado a Patrimonio e ao Concello de Negueira.

 

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...