A lamprea, que se utilizou como animal de tortura, xa ten museo propio
Di a lenda, que os romanos utilizaban a lamprea como método de tortura. Introducían en grandes tanques de auga as súas vítimas que eran pouco a pouco devoradas por este animal temido e amado na cultura popular galega..
E, a partir de agora, a lamprea posúe xa a súa merecida homenaxe en forma de Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea, un local que se atopa na antiga escola de Arbo, realizada nos anos vinte e cinco do pasado século e que levará o nome de Arao, Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea.
Un centro que fará un percorrido pola historia de Arbo, desde o xacemento de O Cabrón ata o século pasado. Tamén incluirá as mámoas de Chan do Rei en Cabeiras ou a de San Martiño de Sela; así como, máis de cincuenta grupos de rocas con petróglifos como o de San Xoán de Mourentán ou o do Cándido.

Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea / Concello de Arbo
Ademais o centro lembra a chegada dos romanos ao Miño. Unha presencia cultural que deixou a Mina Romana da Lagoa, sendo a máis grande do Medio-Baixo Miño, e, tamén o primeiro coñecemento sobre a lamprea na zona.
Así, sábese que eran capturadas e criadas en piscinas ad hoc para ser enviadas a Roma, ademais de animais de tortura.
Edade dourada da lamprea
A Idade Media e a orde cisterciense deixan pegada nesta terra bañada polo pai Miño. No S.XII, o rei Alfonso VII, concede as terras de Arbo ao mosteiro de Melón. Precisamente, foron os monxes os que impulsaron o consumo da lamprea. Foron eles os que apreciaron e desenvolveron este manxar, xa que os do císter tiñan prohibido comer animais de catro patas.
Posteriormente a lamprea empeza a valorarse e a comercializarse. Os monxes déronse conta do seu altísimo valor e conseguiron que o rei lles cedese a propiedade das pesqueiras; construcións pétreas para pescar as lampreas, das cales hai documentación escrita polo menos desde o S.XII. Desde entón, viñedos e pesqueiras fanse co protagonismo do Condado de Tea.