fbpx
Coto Grande dende a súa banda leste. Foto Antonio Presas

Que fan dúas impresionantes estruturas circulares na Serra do Carrio, entre Vila de Cruces e Lalín?

Tempo de lectura: 3 min.

O Carrio é definida pola investigador Antonio Presas como unha serra que se eleva sobre a comarca do Deza a modo de “monte illa” ou relevo residual, na divisoria Deza-Arnego e que domina visualmente, pola súa  posición xeográfica, unha ampla zona do val do Deza-Asneiro e a maior parte da conca do río Arnego.

Esta serra, nos límites dos concellos de Vila de Cruces e Lalín, alberga un parque eólico, e moi cerca das pistas que o percorren podemos ver as mámoas da Brañas de Abonxo, un conxunto de alomenos 9 túmulos moi próximos entre si.  Están a 200 metros ao  noroeste dun recinto chamado Outeiro Grande, unha estrutura circular que non foi catalogada como un lugar arqueolóxico no traballo feito no ano 2002 polos arqueólogos  que estudaron a zona onde se instalarían os aeroxeradores.

Muro de Outeiro Grande cortado por unha pista do parque eólico. Foto Antonio Presas

Non obstante, a observación duns planos lidar do noroeste da serra alertoume doutro recinto inédito e de gran similitude ao anterior, que os veciños chamaban o Coto Grande. Por que teñen estes dous lugares a mesma natureza estrutural e se atopan tan preto?. Atendendo ás fotos aéreas do voo americano do 56 e a uns planos lidar, as evidencias manifestábanse máis polo miúdo. 

Xurxo Salgado e Antonio Presas a carón da muralla de Coto Grande.

Para verificar este novo achado subimos á serra acompañado de Antonio Presas, un gran coñecedor da xeoloxía e lugares arqueolóxicos da comarca do Deza, para que nos guiara ao lugar. 

Coto Grande

Coto Grande, ao noroeste da serra , a unha altitude de 695 m, está a 2,5 km en liña recta de Outeiro Grande e a 800 m. ao sur das mámoas do Coto do Camballón, no concello de Vila de Cruces. Amosa un muro circular moi esborrallado de 48 metros de diámetro exterior, e  ten unha inmellorable visión cara o oeste, chegándose a divisar dende este punto o Pico Sacro. 

Outeiro Grande, na parte suroeste da serra, presenta tamén unha muralla circular cun diámetro duns 75 metros, pero foi cortado de noroeste a suroeste ao non ser considerado no seu momento un lugar arqueolóxico. A  súa altitude, de 700 m, coincide case á perfección coa de Coto Grande.

Comparación de Outeiro Grande, imaxe de arriba, e Coto Grande, abaixo.

Similitudes

Analizando estas estruturas podemos notar as similitudes con outros xacementos que foron catalogados como “henges”. O máis significativo en Galicia é A Roda de Barreiros, que foi investigada por mor dos traballos da Autovía do Cantábrico, e que anteriormente estaba catalogado como un castro. A Roda componse dun recinto rodeado cuns muros circulares feitos a base de dúas fiadas paralelas de perpiaños (recheas de cachotes)  que acada un diámetro exterior duns 50 metros. Esta característica  que se pode intuír no lugar de Outeiro Grande por ser visible un corte na estrutura,  non se pode ver en Coto Grande, ao non atoparse nin estudado nin profanado.

A Roda en Barreiros á esquerda, Coto Grande medio, e Outeiro Grande Dereita (cedidas por IET Instituto Estudos do Territorio)

Só un estudo arqueolóxico en profundidade podería delimitar as súas similitudes e a época á que  atribuílos, ou por outra banda descartalos como henges e determinar outras posibilidades.

Se queredes podedes ler estes artigos en Historia de Galicia sobre outros recinto descubertos fai pouco tempo en Bascuas (Lugo) e outro no lugar de Lavandeiras, (Xove), e ver este video sobre A Roda en Barreiros

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...