fbpx
Ponte Taboada, en Silleda, de orixe romana / pilgrim.es

Silleda sería “civitas Deza” e capital da Gallaecia?

Tempo de lectura: < 1 min.

O profesor Manuel Mosquera acaba de presentar Deza Augusta, un libro no que realiza un extenso e detallado percorrido pola historia de “Deza”, a través da toponimia, remontándose aos tempos da Gallaecia romana.

Editada por Edicións Fervenza, coa colaboración do Concello de Silleda e a Xunta de Galicia, a obra pretende dar luz a unha realidade histórica na que se analiza a orixe da toponimia para determinar o por que desa nomenclatura; chegando a conclusións tales como que o primixenio nome da Bandeira sería Deza e, como “Civitas Deza”, capital da Gallaecia.

No concello de Silleda atópase un importantísimo patrimonio toponímico derivado do latín e, en menor medida, do xermánico. “Sacar á luz este patrimonio e a partir del, deducir como foi (ou puido ser) a realidade viaria, militar, política e social deste concello en tempos tan lonxanos é o propósito desta obra”, apunta o autor.

Non hai nada máis resistente ao paso do tempo que os nomes dos lugares (topónimos); os documentos escritos ou podrecen ou se perden, os ferros corróense, as pedras facilmente son espoliadas e reutilizadas noutro lugar, pero os topónimos permanecen ancorados aos lugares aos que lles foron impostos, máis ou menos desgastados como cantos rodados, pero sempre aí”, engade.

O autor

Manuel Mosquera Fernández (1942), natural da parroquia de Siador, é licenciado en Filosofía polas Universidades de Comillas e Pontificia de Salamanca. Impartiu docencia de Filosofía, Latín e Grego no Colexio María Inmaculada de Silleda dende o ano 1967 ata a súa xubilación en 2008. Foi colaborador na organización da Semana Verde de Galicia, onde desempeñou o cargo de Secretario da Asociación Feiral.

Pode que che interese...