fbpx
Imaxe de Afonso IX, na que se pode ver que é "Rei de Galicia e de León"

Por que os Reis de Galicia son nomeados como Reyes de León e non de Galicia?

Tempo de lectura: 4 min.

Galicia conta co seu particular Panteón Real como reino independente que foi. Pero nel hai reis e raíñas que gobernaron tamén en León. Un patrimonio que moi poucos galegos coñecen e que se atopa nunha situación de clara invisibilidade, ademais de conter referencias históricas que determinados historiadores e partidos políticos teñen denunciado. “Por que son denominados como reis de León e non de Galiza?”, pregúntanse.

Este panteón está na actualidade no Museo da Catedral de Santiago de Compostela. Un lugar que, a pesar de ser dos máis visitados de Galicia — en 2016 visitárono 187.000 persoas — non conta coa debida difusión e coñecemento. No Panteón Real actual están os sartegos de reis e persoeiros do Reino de Galicia que foron trasladados en 1535 desde a súa anterior localización na capela de Santa Catarina, a carón da Porta da Acibechería.

En concreto, atópanse soterrados os restos de Fernando II e Alfonso VIII, que ostentaron o título de “Reis de Galicia e León” e que reinaron entre 1157 e 1230, asi como Raimundo de Borgoña, Berenguela de Barcelona, Xoana de Castro, e Pedro Froilaz.

Décadas de abandono

As portas do Panteón Real abríronse ao público en 2003, logo de sete décadas pechado, grazas a unha campaña social emprendida pola Agrupación Cultural “O Galo” e que remataría en 2007 coa distribución de publicacións para fomentar o seu coñecemento, ademais de reclamar que se incluíse no roteiro de visitas e se velase polo seu estado de conservación.

Por iso, e logo de que o Panteón Real volvera caer no esquecemento, o portavoz do grupo municipal do BNG en Santiago, Rubén Cela, vén de anunciar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno ordinario do mes de setembro para mellorar o coñecemento e difusión deste lugar, así como para corrixir erros historográficos e a ausencia da lingua galega nos paneis explicativos.

Sinalización do Panteón Real na Catedral de Santiago / BNG

Reis de León…. E por que non de Galicia?

Os nacionalistas denuncian que a información que actualmente se dá nos paneis informativos non se axusta á realidade. “Infórmase de que nese Panteón están os sarcófagos dos ‘reis de León’ –como os define a historiografía española- aínda que realmente se coroaron como ‘Reis da Galiza’- segundo figura en documentación e mapas da época. Ademais ao rei Alfonso VIII numérano como ‘Alfonso IX’ con intención de incluílo nunha ficticia nómina conxunta de Reis de Castela e León”, denuncian desde o BNG.

Por iso, critica que isto é “unha mostra máis de como o Reino de Galiza desaparece da historiografía española por unha cuestión política”, a través, di, “dunha ocultación deliberada, no empeño por eliminar a súa existencia da nosa memoria colectiva”. E, neste punto, compara a situación do Panteón Real de Santiago co Panteón Real de San Isidoro de León, “no que subliñan o seu importante valor simbólico por estaren alí soterrados tantos reis de León, con apropiación exclusiva indebida, pois son tamén reis de Galiza”.

Por ese motivo, o Bloque pide que “se recupere a dignidade deste símbolo nacional galego, onde están os reis aos que se debe o esplendor patrimonial de Santiago” e demanda ao Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Turismo e/ou da empresa municipal INCOLSA, que elabore un díptico explicativo do significado histórico do Panteón Real e que sexa posto a disposición de todas os turistas.

Tamén reclama que se organicen visitas guiadas para os veciños de Santiago ao Panteón Real, explicativas da importancia histórica do mesmo, que se realice unha publicicación científica-divulgativa sobre o lugar e que se repoñan os nomes de “Panteón Real” e “Reis da Galiza” ou “Reis de Galiza e León”en vez de “Reyes de León”.

Tumba de Fernando II de Galicia e León no Panteón Real da Catedral de Santiago / BNG

Quen está soterrado no Panteón Real

Fernando II (1157-1188): foi rei de Galicia e León. Casou inicialmente con Urraca, filla de Afonso Enríquez, primeiro rei de Portugal, mais esta alianza non se consumou totalmente. Separado da princesa portuguesa por presión papal, pretextando razóns de consanguenidade, desatouse unha forte conflitividade nas terras de Toroño (Tui) e da Limia, especialmente arelantes da antiga unidade galego-portuguesa. Ativo impulsor dos centros urbáns, outorgou Cartas Forais que os dotaban de ampla autonomía frente aos señores feudais. Cabe afirmar que é a partir de entón cando nacen todas as cidades galegas. O seu reinado está no centro dunha época de grande vitalidade cultural de Galiza: continúa a construción da Catedral (foi el quen nomeu ao Mestre Mateo a dirección da finalización das obras , en 1168) e axiña vai florecer a lírica dos Cancioneiros.

  • Afonso VIII de Galicia e León (1188-1230): Fillo de Fernando II. Ao igual que o pai casaría cunha princesa portuguesa, Tereixa, filla do Rei Sancho I, seguindo coa estratexia de lograr a unidade perdida pola Gallaecia histórica. Novamente o Papa interveu para desfacer este matrimonio tamén por razóns de consanguenidade. Do seu posterior casamento con Berenguela de Castela nacería o futuro Fernando III, O Santo. Do matrimonio coa portuguesa ficábanlle dúas fillas, Sancha e Dulce, que se prevían como herdeiras, con apoio dun bo sector aristocrático propicio á aproximación a Portugal. Porén, acabaríanse impoñendo os favorábeis a Fernando III, especialmente pola presión eclesiástica, que nesa altura era xa rei de Castela. Afonso VIII morreu en Sarria cando ía camiño de Santiago, a cidade que máis amaba, a verdadeira capital dos seus reinos, após unha longa campaña na Transerra.

Ademais destes dous reis, repousan nese Panteón Real tamén:
Raimundo de Borgoña (finado en 1107), casado con Dona Urraca, conde de Galicia e pai de Alfonso Raimúndez, coroado por Xelmírez rei de Galiza na catedral de Santiago, tal e como describe a Historia Compostelá, en 1111 e logo rei de León e Castela co nome de Afonso VII.
Berenguela de Barcelona (finada en 1149), casada con Afonso VII
Xoana de Castro (finada en 1374), irmá de Inés de Castro e esposa de Pedro I
Pedro Froilaz, conde de Traba (finado en 1126)

Pode que che interese...