fbpx
As ruinas celtas de Glendalough / Taringal

Que teñen en común o ADN, a lenda de Breogán, os celtas e a conquista galega das Illas Británicas?

Tempo de lectura: 5 min.

Algúns investigadores están convencidos de que as poboacións do Reino Unido e Irlanda proceden de Galicia. E para iso, botan man da lenda de Breogan. A lenda recollida nunha compilación irlandesa do século XI, o ‘Lebor Gabála Érenn‘ -‘Libro de Conquistas’-, narra as diversas invasións que sufriría a illa.

Este manuscrito relata que o rei Breogán construíu na cidade de Brigantia, situada na Península Ibérica -e que os investigadores identifican coa Coruña-, unha torre de altura tal que os seus fillos, Ith e Bile, podían ver unha distante beira verde desde a súa cima. A visión desa afastada terra levounos cara ao norte ata Irlanda, onde Ith sería asasinado. En vinganza, os fillos de Mil, neto de Breogán e sobriño de Ith, navegaron desde Brigantia a Irlanda e conquistárona.

Hai uns días, e tal e como recollía Historia de Galicia, un dos principais xornais escoceses The Nathional destacaba que “hai uns cantos anos, probas de ADN suxerían que os primeiros habitantes de Escocia poderían incluír persoas que chegaron a estas illas desde Galicia”. Pero, a que se refería exactamente este medio?. Existía realmente a lenda de Breogán?.

Imaxe idealizada dos celtas

O ADN galego

Hai uns anos, Bryan Sykes, profesor de xenética humana na Universidade de Oxford, dirixiu o estudo cuxas conclusións están recollidas no libro “Blood of the isles”. Segundo a súa teoría, hai 6.000 anos habitantes que procedían do que hoxe é Galicia terían colonizado Gran Bretaña, o que viría a verificar a lenda de Breogán.

Sykes tería realizado un estudo analizando o ADN de 10.000 británicos que apunta a que os celtas que se converteron na tribo dominante nas illas británicas procedían do noroeste da península Ibérica. Estes habitantes terían desenvolvido embarcacións capaces de cruzar o océano. Aquel territorio xa estaba habitado, pero estas persoas foron asimiladas nunha tribo celta maior.

Segundo este investigador, a pegada xenética máis común nos británicos leva a marca daqueles migradores, moito máis que a das de tribos escandinavas. Isto significa que, ao contrario do que se pensaba, a orixe dos celtas británicos non se acha en Europa central, senón no noroeste da península Ibérica. “Somos descendentes dunha tribo de pescadores ibéricos que cruzaron o Golfo de Biscaia hai 6.000 anos”, di o investigador. A análise do ADN dos británicos revela, segundo el, que teñen unha “pegada dixital” de xenética case idéntica á dos habitantes das rexións costeiras do Noroeste de España, cuxos propios antepasados migraron cara ao norte entre o 4.000 e o 5.000 a. C.

Cruz de tipo celta no monte de Santa Tegra, na Guarda / galiciacelta.com

A teoría italina

Outra teoría de investigadores italianos tamén sitúa en Galicia o berce do mundo celta. Mario Alinei e Francesco Benozzo, autores da Teoría da Continuidade Paleolítica, baséanse en factores xenéticos, arqueolóxicos e lingüísticos, e unha das premisas da súa tese está na antigüidade da arte megalítica galega.

Segundo estes investigadores, o noso país era o núcleo orixinal ou “patria”do mundo celta que no Paleolítico estaba formado por unha área compacta (non habería disgregación das illas británicas) que incluía o norte de España, Bretaña, Irlanda e Gales. Basean a súa tese en correspondencias xenéticas, lingüísticas e, sobre todo, arqueolóxicas entre as poboacións desta área. “Galicia non só é céltica, senón protocéltica”, suliñou Benozzo na presentación do seu estudo.

“Existe unha afinidade de tipo arqueolóxico e xenético que demostra que esta era unha área compacta no Paleolítico e Galicia é o núcleo orixinal; a poboación céltica seguiu ao norte e chegou a Irlanda, que se estaba formando como illa”, afirmou o doutor da Universidade de Bolonia e director da revista Studi celtici. A teoría que comparte con Alinei, profesor da Universidade de Utrecht, se retrotrae á época glaciar, que sitúa hai 25.000 a 40.000 anos, en que Galicia estaba habitada esencialmente por pescadores, quen se apostaron na franxa do litoral atlántico “e a principal e indubidable evidencia é arqueolóxica, o megalitismo”.

Desmitificación do mito

Con todo, un dos maiores especialistas en xenética de todo o mundo, o galego Anxo Carracedo ten puntualizado, en varias ocasións, este tipo de investigacións. Durante a conferencia inaugural dunhas xornadas realizadas, precisamente, polo Instituto Galego de Estudos Celtas (IGEG), en 2011, Carracedo suliñou que a xenética só pode pescudar se un pobo ten unha orixe xenética común ou relacionado, polos seus cromosomas ou polo ADN mitocondrial. Desta forma, descartou que a xenética poida confirmar que Galicia é celta ou dar vericidade á lenda de Breogán.

Durante o seu discurso sobre ‘Os movementos de poboación do Noroeste galego á luz da xenética’, Carracedo confirmou que Galicia serviu como refuxio glaciar e que, despois das glaciacións, parte desta poboación desprazouse a Inglaterra e Irlanda.

Pero, a pesar desta afirmación, quixo deixar claro que el, cando se refire aos movementos de poboación, non fala de celtismo, nin de culturas ou linguas, senón de xenética dos pobos. E para analizala, “úsanse marcadores de cromosoma e de ADN mitocondrial”, dixo entón. Unha teoría que ten mantido noutros foros públicos e entrevistas.

Hai teorías que apuntan a que os celtas xurdiron en África /canariastv

O ADN norteafricano

Precisamente, outros estudos, nos que tamén ten participado o propio Carracedo, apuntan a que un de cada cinco galegos -o 20% da poboación- presenta características xenéticas propias da poboación do norte de África, dez puntos por encima da media española. Así o recolle un estudo elaborado pola Universitat Pompeu Fabra de Barcelona e a Universidade de Leicester (Reino Unido), no que colaborou o director do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago.

A investigación -baseada na análise do cromosoma, só presente nos homes e que se transmite de pais a fillos- revela que as persoas con ascendencia norteafricana son máis frecuentes no oeste que na zona oriental da Península. “É sorprendente que Asturias, Galicia ou León teñan unha taxa de similitudes máis alta que zonas como Valencia ou Granada, onde houbo máis presenza de musulmáns”, indicaba unha das investigadoras do estudo, Elena Bosch, na presentación do mesmo. A nivel estatal, Castela e A Mancha é a comunidade con menos ascendencia árabe mentres que Galicia e Baleares lideran este particular ranking.

Para chegar a estas conclusións, os científicos analizaron o cromosoma de 1.140 españois -88 en Galicia- e comparáronos con mostras de cidadáns do Magreb. “As diferenzas entre ambos son claras e, por iso, recoñecer cales teñen orixe africana é sinxelo xa que o cromosoma só varía se se produce unha mutación”, recollía o estudo.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...