fbpx
Cruceiro cristianizando antigos petróglifos en Baños de Molgas / Rutea

Cando os veciños son os grandes salvadores dos petróglifos. O caso de Baños de Molgas

Tempo de lectura: 5 min.

Debido a grande cantidade de gravados que ven de aparecer nos últimos anos no Concello de Baños de Molgas, faise necesario por un pouco en orde estes tesouros que inundan os nosos montes, e así poder apreciar o seu valor.

Para iso temos que facer un pouco de historia, e ver como foron emerxendo entre nós.

Cando a comezos do 2010 acordamos cunha gran nova sobre a aparición de petróglifos no noso concello, a algúns deunos un brinco o corazón, recordando aquelo que estudamos de novos: “Los petroglifos son característicos de la costa”, dando a entender loxicamente que no interior non existían.

Puxémonos a investigar un pouco, e fómonos decatando que en Baños de Molgas existían varias estacións.Tentaremos, neste artigo, dar conta de forma cronolóxica dos primeiros documentados e seguindo segundo os seus descubridores.

Cando falamos de descubridores, referímonos a aqueles que lles chamou a atención ese ben, de tal xeito que decidiu poñelo en valor. En ningún caso a palabra descubridor se utiliza para definir a acción de descubrir algo que estaba desaparecido, xa que estes petróglifos non estaban desaparecidos, nunca se perderan, senón que non se lle prestara atención ata o de agora.

Petróglifo de San Vitoiro II, en Baños de Molgas / Xosé Antonio Gavilanes

Antigos

Definimos como antigos os anteriores a José Paz. Vendo a documentación, dinos que os tres primeiros son en Presqueira, O Calvario e Cardoeiro:

Destes 3 primeiros os mais coñecidos sen dubida algunha son os do San Vitoiro. Posiblemente os únicos que coñece a maioría da xente, sendo un dos motivo polos que se achegan a nosa terra visitantes.

Os Petróglifos de San Vitoiro sitúanse a carón da capela do mesmo nome. A súa maior parte están situados na laxe que está debaixo do penedo onde posteriormente esculpiron un anxo e puxeron un cruceiro, que se supón para cristianizar a zona. Na laxe podemos ver varios motivos circulares, coviñas e canles entre algunha, así como cruces de termo, unha nesa peneda e outra na que fai de base ó cruceiro.

Polo outro lado da estrada de Molgas a Presqueira, a uns 50 metros dos anteriores atopamos outros círculos. Suponse que nesta zona podían existir máis, pero desafortunadamente, por aquí tivo lugar a extracción de pedra para facer o Santuario dos Milagres no século XVIII.

Logo destes tres primeiros, apareceu outro na Lampaza de Santa Eufemia e un mais en Brandín, destacando este último.

A documentación tamén fala do chamado Peneda da Moura, e describe unha peneda sobre a que estarían localizadas 19 coviñas.

Con estes cinco petróglifos documentados, uns mellor que outros, estivo Molgas moitos anos, ata que apareceu José Paz e comezaron a aparecer unha chea deles, nestas terras do interior, onde non se sabía que existiran anteriormente.

Como xa dixemos nas primeiras liñas, a comezos do ano 2010, un xubilado veu a pasar uns días no balneario. Gustáballe saír a dar paseos pola contorna e de paso por en practica os seus coñecementos na materia, pois o seu fillo é arqueólogo.

Gravura en forma de espiga / Turismo de Baños de Molgas

José Paz

Era José Paz e, da ducia deles que atopou, ó meu parecer o mais importante é o “Ansuiña I”. Posiblemente sexa este o mellor petróglifo de Baños de Molgas, unha obra mestra coa que o antigo canteiro quixo deixar a súa pegada na nosa zona, facendo unha representación espigada.

Trátase dun petróglifo con forma de espiga, está a carón do campo de fútbol, polo que case se estraga cando foi construído.

Para representar a espiga, aproveitaron unha fenda da rocha para facer o talo, por medio de canles fixeron as ramificacións rematadas en pequenas coviñas. José Paz atoparía outros en Santa Eufemia, en Nogueira de arriba, nos arredores de Baños de Molgas, no Monte Cubreio, Bouzas e Presqueira.

Trala aparición dos petróglifos Campelos I e Campelos II en Presqueira gracias a este divulgador e tras a pertinente documentación por parte de Patrimonio, apareceron máis penedas con gravuras na zona con motivos circulares, serpentiformes e coviñas.

Anónimo

Temos no concello un petróglifo, que aínda sendo coñecido anteriormente a chegada de José Paz, el tamén se fixou nel, pero nunca se decidiu a comunicalo a Patrimonio, pois pensábase que era froito dos xogos dos rapaces que se xuntaban a xogar sobre el, ou que estaba tan retocado que non o aceptarían como tal. Este petróglifo está preto do campo de fútbol, e non moi lonxe do espectacular Ansuiña I.

Petróglifo en forma de alquerque en Baños de Molgas / Turismo de Baños de Molgas

Pepe Oliva

Gran coñecedor dos nosos montes, Pepe foi descubrindo bens patrimoniais cámara en man para retratar a súa gran riqueza. Atopou petróglifos na Lampaza, un baixo a ponte de Molgas e un impresionante na Pena Gacha con motivos circulares.

Tita e Ana

Dando un paseo polos camiños próximos a Bouzas, estas dúas mulleres notáronlle algo estraño a unha pedra na beira da carreira, e parece que non se trabucaron. Posteriormente esta pedra con círculos concéntricos foi roubada, despois devolta, agora gardada na capela de Bouzas.

Ambrosio Borrajo

Loitador incansable pola causa, Ambrosio tamén aportou o seu gran de area na localización de gravados no seu concello. Para outro traballo temos material de abondo con todo o que el fai desinteresadamente en prol do patrimonio molguense.

Preto da Ponte de Vide, collendo unha pista de terra cara os Milagros, localizou unha gravura con coviñas.

Benxamín Blanco

Novo acompañante no descubrimento de gravuras, no que xa se fixo un esperto localizador. Poucos metros cara o sur do muiño do Matulete, localizou un penedo con coviñas.

Gavilanes

Un humilde servidor, tamén fixo a súa pequena aportación, intentando por en valor o gran potencial que temos no concello, sobre todo neste dos petróglifos, no que máis involucrados estamos.

Varios destes achádeos se fixeron cando nos pasamos a ver algún dos que me comunicaba Ambrosio Borrajo.

Atopamos gravuras en Nogueira de Arriba, San Pedro, Santa Eufemia, Presqueira, Guamil, arredores de Baños de Molgas, Ambía, Monte Cubreiro, Lagoa de Almoite, o Viñal, Marzás ou Betán.

Agardo que este breve recordatorio do que os veciños de Molgas teñen feito polo seu patrimonio axude a outros a tentar tamén atopar e protexer os bens que teñen preto da casa.

Máis en http://asherdanzasdotempo.blogspot.com.es/2017/07/petroglifos-de-banos-de-molgas-historia.html

Escrito por

Divulgador do patrimonio de Baños de Molgas e autor do blog http://asherdanzasdotempo.blogspot.com.es

Pode que che interese...