fbpx
Laxe das Carrás, debuxo do ano 1837 polo catedrático de Teoloxía do Seminario de Ourense Juan Bedoya

Atopan un dos conxuntos rupestres máis interesantes de Ourense “perdido” desde 1837

Tempo de lectura: 3 min.

Achego información sobre uns interesantísimos petróglifos de Baños de Molgas, cuxa primeira referencia data do ano 1837 pero que se daban por desaparecidos. Graciñas. Saúdos. Xabier Moure.

No ano 1837, o avogado, xornalista e historiador José Verea y Aguiar (autor dunha Historia de Galicia), o catedrático de Teoloxía do Seminario de Ourense Juan Bedoya e o deputado a Cortes por Ourense José de la Fuente Herrero, inspeccionaron unha pedra con gravados que aparecera no concello de Baños de Molgas. Ese mesmo ano, Juan Bedoya enviou á Real Academia de Historia de Madrid un debuxo da pedra e unha breve descrición, sinalando que se atopaba no monte Carrás, na parroquia de Almoite.

Dende aquelas non se volveu ter noticia da pedra, polo que hai uns anos José Antonio Gavilanes e Xabier Moure propuxémonos atopala tomando como referencia o debuxo coas anotacións de Juan Bedoya. Despois de percorrer o monte Carrás, o resultado foi infrutuoso, mesmo nos comentaran que podía tratarse dunha pena que desaparecera ao acondicionar unha pista, polo que abandonamos a busca, dándoa por perdida.

As lembranzas dun avó cambiaron as cousas

Pero todo cambiou no mes de febreiro deste ano, cando unha moza (omitimos o nome a petición súa), despois de ver o debuxo de Juan Bedoya nunha das nosas páxinas web sobre patrimonio, púxose en contacto con nós para comentarnos que cando llo ensinou ao seu avó, este recoñeceuna, pero asegurándolle á neta que non se atopaba no monte Carrás, senón no monte Cubreiro que pertence á parroquia de Betán.

Foto actual da Laxe das Carrás, en Baños de Molgas / Xabier Moure

Botando man da cartografía, comprobamos, en efecto, que os montes de Carrás e Cubreiro lindaban o un co outro, polo que cabía a posibilidade de que Juan Bedoya e compañía cometeran un pequeno erro de ubicación, polo que reanudamos a busca, obxectivo que deu os seus froitos a mediados do mes de abril cando localizamos a pedra cos petroglifos no monte Cubreiro, xusto no límite co monte Carrás, e só a 90 metros do límite coa parroquia de Almoite. Mesmo pode tratarse dunha pedra citada nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada celebrados nas freguesías de Baños de Molgas a mediados do século XVIII, identificada como A Peneda da Moura.

Á vista dos motivos gravados na pedra tal como se pode ver na fotogrametría feita polo compañeiro Alex Negreira, constatamos a perfección do debuxo realizado por Bedoya hai 184 anos. Sobre unha gran pena de granito lixeiramente alombada vense máis de 100 coviñas esparexidas pola súa superficie (algunhas unidas por canles), tres cruciformes, unha cruz inscrita nun círculo, unha combinación de círculos concéntricos, un posible serpentiforme, un posible motivo fálico, unha figura humana moi esquemática e, ao menos, un ungulado (pezuños de animal). Sobre o panel destaca unha gran figura de forma tirando a elipsoidal con coviñas no interior, da que parten varios apéndices, que quizais represente a unha especie de ídolo.

Estudo

O seguinte paso será o realizar un estudo para tentar comprender o posible significado das gravuras. Ao tratarse dunha arte simbólica, son, en principio, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron hai máis de 4.000 anos, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible a determinados membros daquela sociedade. O que si está claro é que nos atopamos diante dun grupo de gravuras rupestres ao aire libre máis interesantes da provincia de Ourense.

O achado xa foi comunicado ao Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura para que procedan á súa catalogación que, por tratarse de petroglifos, xa teñen, segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do ano 2016, a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), gozando, polo tanto, da máxima protección legal. Tamén llo comunicamos ao Concello de Baños de Molgas, cuxo alcalde xa visitou o lugar e mostrou o seu interese por preservalos e poñelos en valor.

Pode que che interese...