fbpx
Pedra da Serpe, en Láncara, que ten a lenda dunha gran serpe que comía as vacas / Patrimonio dos Ancares

Atopados petróglifos e unha mámoa preto da Pedra da Serpe, a rocha da que saía un gran ofidio alado que comía as vacas

Tempo de lectura: 3 min.
Os do Colectivo Patrimonio dos Ancares veñen de documentar uns novos petroglifos no concello de Láncara. Foi no monte do Penedo, a 625 metros de altitude, na parroquia de Vilarello.

Na parte horizontal dun afloramento de cuarcita e pizarra, nas inmediacións da pena coñecida como A Pedra da Serpe, localizamos 11 cazoletas feitas por man humana cunhas medidas que oscilan entre os 3 e os 5 centímetros de diámetro, gravadas, en principio, sen unha orde aparente. Pode que houbera máis coviñas ou outro tipo de motivos, pero a pedra rebentou por varias partes debido ás grosas raices de xestas, silvas, etc. que medraron nas gretas.

Canto á súa cronoloxía, tendo en conta que se atopan preto de onde o pasado mes de agosto, grazas ao veciño da Veiga de Anzuelos, Xoán Carlos Laxe, documentamos outras gravuras claramente prehistóricas formadas por coviñas e círculos concéntricos, hai que adscribilas á Idade do Bronce, hai uns 4.000 anos (a principios do mes de outubro, dende Patrimonio comunicáronnos que estes petroglifos, despois da visita dos arqueólogos, xa foron incluídos no Inventario de bens culturais de Galicia).

Conxunto de coviñas atopados en Láncara / Patrimonio dos Ancares

A lenda da Pedra da Serpe

Ademais, A Pedra da Serpe ten a particularidade de contar cunha lenda transmitida de xeración en xeración e que nos relatou o propio Xoán Carlos e outros veciños: Cóntase que era o acubillo dunha gran serpe alada que atacaba ás vacas para devoralas, de feito, a xente da zona non pasaba polo lugar por medo a perder o gando. Quizais a lenda xurdiu porque na parte alta da pena vese unha pía ovalada da que parte unha canle, produto da erosión producida pola auga, que o imaxinario popular puído interpretar como a cabeza e o corpo dun ofidio reptando pola pedra.

Significado

As coviñas son as representacións máis sinxelas da arte rupestre ao aire libre, aínda que quizais as máis enigmáticas dentro do repertorio das insculturas galegas. Dada a diversidade onde aparecen, temos que pensar que non terían un único significado: recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que sería utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos, etc. Malia o anterior, ao tratarse dunha arte simbólica, son para nós de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible a determinados membros daquela sociedade.

Ata estas últimas descubertas, no concello de Láncara só se coñecía unha pena con petroglifos situada no límite co municipio de Baralla.

Mámoa preto da Pedra da Serpe, en Láncara / Patrimonio dos Ancares

Mámoa

Por outra parte, nas inmediacións dos petroglifos atopamos dúas mámoas sen catalogar, de 15 e 18 metros de diámetro, cunha antigüidade que ronda os 6.000 anos. Ata o momento, segundo os datos que manexamos, no concello de Láncara hai 18 mámoas catalogadas pola Xunta de Galicia nun estado de conservación de regular a malo.

As descubertas xa foron comunicadas ao Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura para que procedan á súa catalogación. Tamén imos dirixirnos ao Concello de Láncara para que poña en valor esta importantísima zona arqueolóxica. Ademais dos dous grupos de petroglifos e das mámoas, na contorna atópase o castro do Monte das Penas, duns 2.000 anos de antigüidade, o que amosa que o lugar foi obxecto dunha longa ocupación humana dende tempos remotos. 

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...