Lugar onde se atopaba unha mámoa que foi, literalmente, arrasada por maquinaria pesada en Friol / Xabier Moure

Maquinaria pesada fai desaparecer, literalmente, un enterramento megalítico a pesar dunha denuncia en Patrimonio

Unha nova agresión ao patrimonio e, desta volta, sen posibilidades de amañar ou restaurar nada. Unha mámoa catalogada desapareceu, literalmente, pola acción de maquinaria pasada. E o feito é, especialmente grave, porque aconteceu logo dunha denuncia por unha agresión anterior a outra mámoa que se atopaba no mesmo campo megalítico que a anterior.

Foi o día 4 de setembro de 2017 cando os colectivos Patrimonio dos Ancares e ADEGA presentaron denuncia ante Patrimonio e o SEPRONA pola primeira agresión a unha mámoa da necrópole denominada Monte da Gándara-Monte das Tenzas, onde está o parque empresarial de Friol, catalogada coa clave GA27020050. Un feito do que demos conta en HdG.

Sinais de maquinaria pesada onde antes había unha mámoa que desapareceu polo seu efecto en Friol / Xabier Moure

O día 8 do mesmo mes, e nunha nova visita ao sitio, estes mesmo colectivos deron con outra desfeita, aínda peor. Trátase da mámoa catalogada coa clave GA27020049, situada a carón de onde se prevé construír unha pista. Neste caso non é que o enterramento fora alterado como o anterior, simplemente fixérono desaparecer. “Xa non queda absolutamente nada, só un cacho de terra perfectamente aplanado. Mesmo cremos que puidera contar con cámara funeraria formada por varios esteos de pedra”, denuncia o divulgador Xabier Moure.

Segundo a ficha confeccionada cando a súa catalogación pola Xunta de Galicia, este túmulo tiña unhas medidas de 30 metros de diámetro e 0,40 de altura. Pero, agora, é monte raso.

As mámoas arrasadas en Friol aparecen correctamente catalogadas no PXOM de Friol / Xabier Moure

Figuraban no PXOM

No Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) figura unha modificación puntual para a nova localización do parque empresarial (publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia de Lugo no ano 2004) onde se aprecia claramente nos planos do propio Concello que na zona hai catro túmulos catalogados, entre eles o alterado gravemente e o desaparecido.

“Está máis que claro que aquí non cabe alegar descoñecemento, si premeditación, quen ordenou danar gravemente a primeira mámoa e facer desaparecer esta era consciente do que había”, apunta Moure.

“Lamentablemente, xa nada se pode facer por estes importantísimos bens patrimoniais, pero a Administración debe actuar de forma inmediata e con contundencia, e así llo requirimos, contra o responsable ou responsables dos atentados e, de ser o caso, de quen os permitiron”, engade o investigador. Con independencia das responsabilidades penais que puideran derivarse, a Xunta de Galicia, despois de comprobar os danos, tería que aplicar o procedemento sancionador previsto na vixente Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, considerando isto como unha falta moi grave que conlevaría unha sanción que vai dende 150.001 a 1.000.000 de euros (por mámoa).

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

  • Bradair

    O de sempre. E a descon-Xunta M.I.A…

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: