fbpx
Plano mámoas monte de Meda, entre lugo e Guntín / Adega

Tres castros e oito mámoas ameazados por un gran parque eólico

Tempo de lectura: 3 min.
Ata sete bens patrimoniais en perigo. E todos eles onde se proxectou a construción dun parque eólico. No pasado mes de maio, ADEGA-Lugo e Mariña Patrimonio levaron a cabo un traballo de revisión para detectar a presenza de xacementos arqueolóxicos sen catalogar nas proximidades do parque eólico do Picato, entre Lugo e Guntín.
O seu obxectivo era determinar a cantidade de bens patrimoniais que poderían estar en perigo durante as distintas etapas de construción deste parque eólico. Ata o momento, teñen identificados tres castros e oito mámoas que non foran detectados nin pola Xunta nin polos estudos arqueolóxicos das empresas eólicas, malia aos recursos cos que contan para este fin.
Elementos en perigo
Un exemplo claro destes sitios arqueolóxicos en perigo é o Monte de Meda, onde a Xunta ten catalogadas dúas mámoas: a Mámoa do Monte do Picato 1 (GA27028167) e a Mámoa do Monte do Picato 2 (GA27023106). Entre estes dous sitios arqueolóxicos protexidos, onde a Xunta autorizou a instalación do aeroxenerador A12, ADEGA e Mariña Patrimonio localizaron unha terceira mámoa, non catalogada, a tan só 80 metros do aeroxenerador A13 e a 150 metros do A12.
Este terceiro túmulo do Monte de Meda ten aproximadamente 20 metros de diámetro e presenta un bo estado de conservación. É perfectamente visible nas imaxes LIDAR, que se poden consultar nos visores de mapas da Xunta de Galicia, así como no propio terreo.
No mesmo Monte de Meda tamén se descubriu a existencia dun castro sen catalogar, o Castro do Monte de Meda. Trátase dun ben patrimonial que podería verse afectado polo parque eólico. Este recinto fortificado da Idade de Ferro presenta planta elíptica con antecastro e mantén un bo estado de conservación. Sitúase a aproximadamente 800 metros dos aeroxeneradores A12 e A13.
Ademais dos elementos indicados, dentro da área do parque eólico, localizáronse tres mámoas sen catalogar na zona de Penas dos Fornos, a escasos 250 metros do aeroxenerador A1. Na mesma área, atópase tamén o Castro da Retorta, sen catalogar e, polo tanto, non avaliado no proceso de tramitación do parque eólico. Este castro está formado por un único recinto de planta circular, cun diámetro de aproximadamente 70 metros.

Mámoa do Monte de Meda ameazada por un parque eólico / Adega

Na contorna da área do parque eólico do Picato, ADEGA-Lugo e Mariña Patrimonio localizaron un terceiro castro en Castro (Costante, Guntín), así como tres novas mámoas no lugar de Fargós (Costante, Guntín), e outra en Campo Do Marco (Saa, Lugo).
ADEGA-Lugo e Mariña Patrimonio, ademais de solicitar a inclusión destes once novos xacementos no catálogo de bens patrimoniais de Galicia, seguen a traballar na protección e preservación do patrimonio arqueolóxico. Tamén denuncian a falta de exhaustividade no catálogo do patrimonio, así como a neglixencia das empresas eólicas á hora de elaborar informes ambientais completos e rigorosos
Relación de bens afectados

Relación dos 11 novos xacementos arqueolóxicos localizados por ADEGA e Mariña Patrimonio:

  1. Medorra do Monte da Meda (Meda Monte de Meda, Guntín)Forma tumular ben definida. O túmulo ten aproximadamente 20 metros de diámetro.
  2. Castro Do Monte da Meda (Monte De Meda, Guntín)Recinto fortificado de planta elíptica con antecastro pola zona sur da croa.
  3. Medorras da Pena dos Fornos (A Chousa, San Pedro de Mera, Lugo)Hai tres mámoas na zona que conservan a súa forma tumular ben definida, pero están moi rebaixadas polas actividades agrícolas. Cada túmulo ten aproximadamente 15 metros de diámetro.
  4. O Castro (Castro, Costante, Guntín)Castro formado por un único recinto de planta circular con aproximadamente 120 metros de diámetro.
  5. O Castro (O Castro, Santa Cruz da Retorta, Guntín)Castro formado por un único recinto de planta circular con aproximadamente 70 metros de diámetro. O sistema defensivo está rebaixado polas actividades agrícolas. Nas inmediacións do recinto fortificado obsérvanse restos arqueolóxicos (muíño circular).
  6. Medorras de Fargós (Fargós, Costante, Guntín)Hai tres mámoas na zona que conservan a súa forma tumular ben definida. Cada túmulo ten aproximadamente 20 metros de diámetro.
  7. Medorra do Campo Do Marco (Campo Do Marco, Saa, Lugo)Forma tumular ben definida de aproximadamente 20 metros de diámetro.

Pode que che interese...