fbpx
1. O Monte de Santa Baia (Soandres, A Laracha) / Romarmy

Escavan un campamento romano único en Europa que envolve un castro indixena

Tempo de lectura: 2 min.

Un equipo arqueolóxico intervirá ao longo de toda esta semana e ata o luns 31 de xullo no conxunto do monte de Santa Baia (Soandres, A Laracha). O proxecto ten por obxectivo estudar as estruturas defensivas do campamento romano, avanzar na súa caracterización e explorar a relación entre esta fortificación militar e o castro que se atopa situado no alto do mesmo interior monte. A intervención arqueolóxica desenvolverase baixo a coordinación cientifica do profesor da Universidade de Salamanca José Manuel Costa García e será executada pola empresa Tempos Arqueólogos. Trátase da primeira acción do convenio subscrito entre a Deputación da Coruña e a Universidade de Salamanca para investigar e difundir varias fortificacións temporais romanas da provincia da Coruña ao longo de 2023. A intervención conta tamen coa colaboración do concello da Laracha.

O campamento romano de Santa Baia foi publicado por primeira vez en 2019 polo colectivo de investigación Romanarmy, quen detectou a existencia de estruturas defensivas compatibles cos asentamentos temporais romanos a través do uso de tecnoloxías non invasivas de análise do territorio. O recinto campamental ten unha extensión de cinco hectáreas, superficie que permite estimar unha ocupación de entre 2500 e 3500 soldados. A particularidade deste campamento temporal, e que o fai tan interesante para a investigación, é que comprende no seu interior un castro enteiro da Idade do Ferro. Aínda que o exército romano reocupou antigas fortificacións da Idade do Ferro ao longo de Europa, en todos os casos os fortes romanos establecéronse no interior dos poboados indíxenas. O de Santa Baia é o único caso coñecido ata o momento no que sucede o contrario: un campamento romano envolve completamente o castro. Precisamente a campaña arqueolóxica terá tamén como un dos obxectivos entender a relación entre as dúas fortificacións.

O xacemento de Santa Baia: modelo dixital do terreo no que se ve o campamento e o castro no seu interior / Romarmy

Os investigadores aplicarán en Santa Baia distintas técnicas tanto de prospección, sondaxes arqueolóxicas como o uso de tecnoloxías non invasivas de exploración do subsolo, coma o gradiómetro, co obxectivo de detectar estruturas e elementos xa non percibibles en superficie ou a simple vista.

Visita guiada

O sábado 29 de xullo celebrarase unha visita guiada para todas as persoas interesadas, ás 11.30 h. da mañá, de carácter gratuíto e sen inscrición previa. As persoas interesadas deberán seguir as indicacións proporcionadas nas redes sociais de Romanarmy (Facebook: @romanarmynw; Twitter: @RomanArmy_eu; Instagram: @romanarmy.eu) para coñecer a localización do punto de partida da visita.

Pode que che interese...