fbpx

Piden unha ruta neolítica para coñecer os petróglifos e dolmen de Leira Rapada

Tempo de lectura: < 1 min.

No municipio do Saviñao atópanse un total de 56 mámoas catalogadas, e é unha delas, a de Leira Rapada, a que queren poñer en valor dende a Asociación Veciñal do Saviñao. Así o comunicou o colectivo ao Concello, entregando un escrito no que piden a instalación de sinalización e mantemento do lugar no que se atopa o megálito.

Dende a Asociación especifican a necesidade de colocar sinais en cruces de camiños dende a estrada de Vilatán, así como a colocación de paneis explicativos no propio lugar da mámoa de Leira Rapada. Tamén propoñen destacar os petróglifos que se atopan no megálito, difíciles de distinguir se non se coñecen. “A finalidade é poñer en valor o patrimonio arqueolóxico visible e contrubuír a potenciar o turismo cultural”, explican dende a Asociación.

Tamén recordan a riqueza do patrimonio megálito do municipio, que se podería aproveitar para a creación dun itinerario neolítico, tras ser estudadas e escavadas as mámoas que se atopan no lugar.

“Nestes últimos anos estamos vendo como os concellos do sur de Lugo están facendo esforzos por dar a coñecer os seus patrimonios culturais, científicos ou paisaxísticos para atraer ese cobizable turismo cultural ao territorio propio”, alegan dende a Asociación. Para iso poñen de exemplo as actuación que levaron a cabo outros municipios da contorna como en Quiroga, Pantón ou Sober, que impulsaron un museo xeolóxico, xornadas do Románico e miradoiros, respectivamente.

O turismo cultural é respectuoso co medio ambiente, non é masivo nin agresivo co entorno e coa paisaxe da comarca onde vivimos”, argumentan dende a Asociación, engadindo que se debería potenciar este tipo de turismo no territorio da Ribeira Sacra. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...