fbpx
Reconstrución dun neandertal e dun homo sapiens / NRC

Coñecendo a vida dos últimos neandertais do Noroeste

Tempo de lectura: < 1 min.

Os modos de vida, as manifestacións artísticas e a simboloxía dos derradeiros neandertais son algunhas das cuestións que se tratarán nas III Xornadas sobre o Paleolítico no Noroeste. Durante catro días, dende o xoves 28 ata este domingo 31 de xullo,  diferentes relatorios por parte de profesionais do sector, permitirán achegarse ás comunidades de neandertais que poboaron Europa Occidental.

Un total de 30 horas formativas darán continuidade a algúns dos temas tratados nos cursos desenvolvidos en Triacastela entre o 2010 e o 2017, ligados ás investigacións arqueolóxicas en Cova Eirós. Mais dende a organización destacan a aproximación que se fará a diferentes cuestións da vida no Paleolítico Medio na Península, e en concreto, na zona Noroeste.

Trátase dunhas xornadas que se enmarcan dentro dos cursos de verán ofrecidos pola Universidade de Santiago de Compostela, cos que se pretende ofrecer unha visión multidisciplinar e divulgativo dese período histórico.

O investigador Arturo de Lombera, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico Arqueoloxía, antigüidade e Terriorio será quen dirixa este programa, acompañado de especialistas que lideran proxectos de investigación relacionados coa temática a nivel peninsular.

Cuestións como as estratexias de subsistencia, a xestión de recursos, os rituais funerarios ou o tránsito dos últimos neandertais serán abordados durante estes catro días. O investigador Ramón Vila foi o encargado de abrir as III Xornadas sobre o Peleolótico no Noroeste na mañá deste xoves 28, ás 9.30 horas.

A través da páxina web da USC pódese consultar a programación do curso, que está organizado coa colaboración do Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES-CERCA), a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o GDR Ribeira Sacra-Courel, o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel e o Ministerio de Ciencia e Innovación.

Pode que che interese...