Frío, neve e inundacións… Coñece os efectos da pequena idade de xeo na Península
A ‘pequena idade de xeo’, o período frío máis importante do hemisferio norte dende finais do século XIV ata o XIX, alongouse na península ibérica de 1300 a 1850 segundo revela un novo traballo publicado na revista científica Earth Science Reviews no que que participan Antonio Martínez Cortizas e Olalla López Costas do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola.
Os resultados, que permitiron reconstruír o clima da península ibérica dende o ano 1300 ata a actualidade, poñen de manifesto a acentuada variabilidade climática durante ese período e evidencian a alternancia de fases frías e cálidas. A investigación presenta, segundo suliña a USC nun comunicado, a síntese máis precisa realizada ata agora da evolución do clima peninsular durante os últimos setecentos anos.
Deste xeito, o estudo tenta contextualizar ese período frío e a súa evolución posterior e baséase na análise de diversas fontes históricas e rexistros naturais (comportamento dos glaciares, sedimentos dos lagos, aneis das árbores, turbeiras ou esqueletos humanos de contextos arqueolóxicos, entre outros).

Correntes ascendentes e descendentes do polo / meteovigo.com
Período frío máis prolongado dos últimos 10.000 anos
Definido polos investigadores como o período frío máis prolongado e intenso dos últimos 10.000 anos, os resultados do estudo permitiron describir a evolución climática peninsular do período coñecido como a ‘pequena idade de xeo’. O equipo investigador centrouse no estudo das zonas de montaña, as áreas menos afectadas pola actividade humana e recompilaron e integraron todas as evidencias que existían sobre o clima dos últimos setecentos anos na península ibérica.
Aínda que a intensidade do frío e as súas implicacións eran coñecidas noutras rexións do continente europeo, non se coñecía a súa translación ao conxunto da península ibérica nin como afectaran aos ecosistemas naturais. “Unha das principais novidades do estudo é demostrar a elevada variabilidade do clima durante esta fase fría cunha maior recorrencia de eventos climáticos extremos (ondas de frío, nevadas, secas, inundacións, etc.)”, explica o investigador principal do traballo Marc Oliva. Como engade, “sabíase que era un período máis frío que o actual, pero non sabiamos que tivera tanta variabilidade nin con tantos episodios extremos que tiñan repercusións decisivas na vida diaria das sociedades da época”.
Inundcións extremas

O Támese conxelado na pequena idade de xeo
Episodios de inundacións extremas como os rexistrados no levante peninsular en novembro de 1617 ou na fachada atlántica en xaneiro de 1626, implicaron a perda de colleitas, a destrución de camiños e pontes, así como graves danos á economía. As recorrentes ondas de frío comportaban un aumento da mortalidade e mesmo determinaron cambios na dieta diaria das sociedades do noroeste peninsular. Ademais, as baixas temperaturas a miúdo ían acompañadas de nevadas que desencadeaban aludes catastróficos, como sucedeu na gran nevada de 1888 en Asturias.
Este impacto pódese apreciar especialmente a través da gran cantidade de fondos documentais de onde se extraeu a información climática, por exemplo documentación administrativa municipal, dietarios, crónicas, libros de memorias, expedientes de obras públicas, planos e mapas ou informes de danos por risco climático.
Aumento térmico de 1 °C por causas naturais
O estudo tamén permitiu cuantificar o quecemento climático e avaliar a súa magnitude durante os últimos setecentos anos. Segundo os investigadores, o aumento de temperatura experimentado dende o inicio da Revolución Industrial é de aproximadamente 1 ° C, o mesmo aumento que se produciu por causas naturais dende a fase máis fría da pequena idade de xeo (1675) ata os seus episodios finais, que coinciden co inicio da actividade industrial humana.
Estes resultados, segundo os autores, convidan a ser coidadosos á hora de relacionar de forma reducionista calquera fenómeno vinculado á variabilidade climática co concepto de cambio climático. “O clima responde a moitas variables cuxo comportamento non se coñece ben e o grao de incerteza científica desprézase”, remarca Marc Oliva. “Só entendendo mellor cal é a resposta dos ecosistemas no pasado podemos anticipar que pode pasar no futuro”, remata o investigador da Universidade de Barcelona.
Baixo a coordinación do investigador da Universidade de Barcelona Mar Oliva, no estudo tamén participou persoal experto do Servizo Meteorolóxico de Cataluña, do Instituto de Ciencias da Terra Jaume Almera (ICTJA-CSIC), do Instituto Pirenaico de Ecoloxía ( IPE-CSIC), do Museo Nacional de Ciencias Naturais e das universidade de Santiago, Oviedo, Granada, Valladolid, Zaragoza e Lisboa, así como do Instituto de Historia do CSIC.