fbpx
Castro de Sarridal, en Cedeira

Aparece unha nova sauna castrexa en Cedeira, ao carón do mar

Tempo de lectura: 2 min.

Pedra formosa, elementos definitorios das saunas castrexas

O arqueólogo Emilio Ramil que  dirixe o proxecto de escavación que se está a levar a cabo na península do  Sarridal, no Concello de Cedeira, afirma que acaban de atopar o que sería un monumento con forno, o que viría a confirmar a posible presenza dunha nova sauna castrexa en Galicia.  O achado foi feito dentro do lugar coñecido por Campo do Castro,  un emprazamento fortificado ubicado ao carón dos cantís do mar e que chega pouco despois de que, tal e como contamos tamén en HdG, se descubrira outra fantástica sauna castrexa na Fonsagrada.

O estudo da zona  tiña como obxectivo  a escavación dun recinto do castro entre o paramento interior da muralla, un muro de intervalum e o que parecía o inicio dun muro en ángulo, que sería parte dun espazo habitacional. Os novos traballos arqueolóxicos, financiados por Patrimonio, comezaron a primeiros de decembro.

Segundo Ramil, durante os días de escavación non apareceu moito material cerámico, pero o que si foi xurdindo foi unha boa cantidade de canto rodado, que podería ter relación cun lugar onde se faría algún tipo de lume. Ao seguir escavando o equipo arqueolóxico deuse de conta de que non estaban ante unha habitación galaico romana, senón ante unha estrutura que cortaba dous muros circulares de dúas casas da plena época castrexa e que comezaba a tomar unha forma distinta. Dita estrutura tería dúas partes diferenciada, pero que formarían parte da mesma construción. Esta descubrimento levou a afirmar a Emilio Ramil que estaban ante un novo “monumento con forno, unha pedra formosa”.

Escavación no campo do Castro, no Sarridal, en Cedeira

En Galicia, afirma o director da intervención, teríamos monumentos con forno no Castro de Punta dos Prados en Espasante (Ortigueira) en Santa Mariña de Augasantas  (Allariz), no castro de Castañoso (Fonsagrada) e neste de Sarridal en Cedeira. A esta lista habería que engadir o do castro de Borneiro (Cabana de Bergantiños), no cal apareceu unha pedra que se relaciona cun recinto de semellantes características.

A sauna castrexa (ou monumento con forno) é unha construción propia da cultura castrexa e se atopa naantiga Gallaecia: Galicia, occidente de Asturias e Norte de Portugal. Tratariase dunha sauna de uso ritual con baños de vapor. Son edificios rectangulares diferentes ás outras construcións dos castros, cunha gran pedra decorada no medio do edificio, a coñecida como pedra formosa, que facía de separación e cun furo na parte baixa coma porta de acceso á cámara da terma e evitaba a perda do vapor e da calor.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...