fbpx
Bacallou con coliflor e allada. Un dos platos típicos de Noiteboa

Descubre o menú típico durante séculos da Noiteboa e do día de Nadal en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

A tradición di que o peixe é o rei da cea de Noiteboa en Galicia, e a carne, da comida de Nadal. Unha tradición que ten a súa orixe en prohibicións relixiosas, xa que a Igrexa impedía comer carne ata o día 24 de Nadal. Unha abstinencia que se mantivo ata o Concilio Vaticano II, en 1962, e perviviu con forza durante o século XX na Galicicia rural.

Por iso é tradicional, sobre todo no sur do país, cear o bacallau con coliflor ou repolo acompañado con allada e ovos duros. Tamén o ollomol ao forno é típico e en zonas de río, salmón ao forno. Noutros lugares ceábase polbo, verza ou grelos.

Capón de Vilalba recheo de castañas. Un dos pratos típicos do Nadal

Carne

Pola contra, xa o día de Nadal era o día da carne. En zonas de Lugo e da Coruña era típico o capón de Vilalba, moitas veces recheo de castañas; unha receita con varios séculos de tradición. Noutras se prefería o galo de Arzúa, a galiña de Mos ou simplemente o pito de curral. En zonas de montaña apostaban pola carne de cabrito.

E a comida non podía rematar sen unha boa sobremesa na que non faltaba a sopa de améndoas (en Verín) ou a compota de pera en viño tinto (Lugo). Tamén os figos ou uvas pasas, arroz con leite, unhas castañas, noces, abelás, a bica, o bandullo, a vincha ou as filloas eran outras opcións en función da zona xeográfica galega onde se vivira.

Compota de pera con viño tinto. Sobremesa típica de Lugo no Nadal

Outras tradicións

O antropólogo Taboada Chivite di que nalgures lugares tamén se lle daba ás vacas unha sobrecea na Noiteboa, coma se o gando tamén fose da familia e tivese dereito a celebrar a festa.

Hai sitios, como Verín, onde ó rematar a cea de Noiteboa, os rapaces saen a apedrar as árbores froiteiras para que o ano entrante desen ben de froita. Adoitábase facer sobre todo coas árbores aneiras, que só dan froito cada dous anos. Era costume representar previamente unha falsa disputa entre o dono da árbore, que teimaba en cortala, e outra persoa que a defendía, porfiando en que despois de apedrala daría froito en abundancia.

 

Referencias bibliográficas:
Galipedia
MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: Nadal na Gran Enciclopedia Galega, tomo 32. Lugo 2003.
TABOADA CHIVITE, Xesús: “La Navidad gallega y su ritualidad”, en Ritos y creencias gallegas. Sálvora, A Coruña, 1980, 117-143.
TABOADA CHIVITE, Xesús: “Refraneiro galego”, en Cadernos de Fraseoloxía Galega 2, 2000.

Pode que che interese...