fbpx
Descrición do Reino de Galizia de Hernando de Ojea (1603) / Duvi

Panxoliñas de Nadal dos séculos escuros que falan “da xente galega, de Galicia e do país galego”

Tempo de lectura: 2 min.

Ay miño señor,
si vos proua a terra,
víndivos acá
coa gente galega.

E vos dará musiquiña
con frautiña e rabiquiña,
cascabel, y cherumbela
ay víndivos acá coa gente galega.

************************************

Ay cachopiño belo
dóchome a Deus
como sois galego.

Ay miño pai diuino
dóchome a Deus
como sois galegiño.

Ay cachopiño de oiro
dóchome a Deus
como sois fermoso.

Ay miño pay de vida
dóchome a Deus
como sois de Galicia.

No vosso portaliño
para ser pao de os ceos
naceis entre as espigas
que comen os galegos.

Son parte dos seis vilancicos en galego cantados fóra do país nos séculos XVI e XVII e que foron recopiladas pola académica Rosario Álvarez, catedrática da Universidade de Santiago, como exemplos de vilancicos en lingua galega –real ou finxida– producidos e difundidos en territorio non galegófono en plenos Séculos Escuros: Valladolid, Toledo, Sevilla, Jerez de la Frontera, Lisboa e México.

Escudo do Rei de Galiza,
cara a 1450

Como explica a propia profesora, son vilancicos non paródicos producidos e difundidos en territorio non galegófono entre finais do século XVI e a primeira metade do século XVII —en plenos Séculos Escuros—, nos que a lingua é o trazo que mellor identifica os fillos de Galicia, homes e mulleres humildes que acoden a celebrar o nacemento doutro galego pobre, o meniño que está chamado a ser o seu novo señor e o seu redentor.

Rosario Álvarez tamén explica que estes textos presentan diversos graos de hibridación lingüística, debida ás características do sistema galego na altura, á acomodación a un público que fala español ou portugués, á transmisión textual ou a un impulso hipercaracterizador.

Seis panxoliñas que a catedrática recompilou e analizou nun estudo publicado este ano en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, co título ‘A lingua galega no espello. Edición e estudo de seis vilancicos cantados fóra de Galicia antes de 1650’. Un traballo que se inscribe no marco do proxecto de investigación “Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna. Catalogación, multiedición, glosario e estudo”, que se desenvolve no Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela con financiamento do Ministerio de Economía y Competitividad. A información completa no xornal Galicia Confidencial.

Pode que che interese...