fbpx
Castro de Sarridal en Cedeira / foto AXA Dixigal Xunta de Galicia

Aparece unha nova sauna castrexa entre os cantís de Cedeira

Tempo de lectura: 3 min.

Ata mediados deste mes de marzo so existían catro castros en Galicia ós que se lle descubrira unha sauna ou forno, un espazo para baños de vapor. Dende o pasado día 14 deste mes o xacemento do Campo do Castro, un singular enclave entre os cantís de Cedeira, posúe o privilexio de ser o quinto. O achado foi revelado polo equipo que está a levar as escavacións neste espazo propiedade do Concello, e pode supor un cambio no xeito de entender a vida castrexa nesta zona de Galicia. A sauna, en moi bo estado de conservación, dataría de entre os séculos II e III d.C. e estaría constituído por un atrio, unha antecámara, unha cámara e unha entrada.

A sauna, dentro das que foron achadas no noroeste peninsular, presenta unha curiosa singularidade, xa que é a única que non se atopa nunha posición extramuros, senón que, esta vez, estaría dentro das propias murallas, entre estas e as casas. Isto seguramente se deba a localización abrupta do castro, moi preto do mar e cunhas certas limitacións de espazo, nun enclave que paisaxísticamente é único. Sobre a pedra formosa, segundo a web do Concello, xa tería sido atopada con anterioridade á escavación, sendo tamén a quinta aparecida en Galicia.

Escavación no Campo do Castro, Cedeira / foto Concello de Cedeira

Esta escavación, que comezou vai poucos días, é de feito a segunda campaña que se fai sobre o castro. Nesta ocasión os traballos están a ser financiados pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, e a ser dirixidos polo arqueólogo Emilio Ramil. A intervención conta cun investimento por parte da Xunta de 18.000 euros, e prevese a actuación sobre unha zona de vivendas. A esta segunda campaña sucederalle, se todo vai segundo o programado, unha terceira, que prevé a escavación das murallas e que esta vez estará financiada polo propio Concello, cun investimento de preto de 15.000 euros.

Un forno ou sauna castrexa

O forno ou sauna é unha estrutura abovedada, feita habitualmente de cachotería, practicamente pechada en todos os seus lados e de reducidas dimensións. Era utilizada para facer baños de vapor, para o que se haberían de empregar cantos de pedra quentados ó lume introducidos nunha piscina de auga fría, enchéndose por completo o espazo de vapor. Segundo á importancia do castro podían contar cunha soa cámara ou varias, sendo habitual que polo menos existira o propio forno, unha sala quente ou sauna propiamente dita, unha sala morna e un atrio. A sala morna e a quente, habitualmente baixo o mesmo abovedamento, estaría dividido por unha pedra decorada chamada pedra formosa.

Esquema dunha sauna castrexa / terrantiquae.com

Esta pedra era un monolito, de granito ou lousa, polo xeral con singular decoración xeométrica en relevo, que contaba na súa parte inferior cun reducido furado semicircular que permitiría o acceso. As pedras formosas, igual que as propias saunas, son escasas e sinxelas en Galicia, pero nas citanias ou castros máis importantes do actual Portugal téñense atopado saunas de grandes dimensións con singulares formosas. Algunha delas chegarían a acadar ata tres metros de ancho e dous de alto e cinco toneladas de peso. As máis famosas son as da Citania de Briteiros, en Guimaraes, a do Castro das Eiras, en Vila Nova da Familicao e a da Citania de Sanfins en Paços de Ferreira. En Galicia á máis coñecida é a do castro de Casteñoso na Fonsagrada.

Pedra formosa do castro A Cibdá de Borneira / foto LambriscaeCCACI Wikimedia

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...