fbpx
Barco romano / MathiasrexCC Wikimedia

O temporal lanza ás praias do cabo Udra os posibles restos dunha embarcación anterior á época romana

Tempo de lectura: 2 min.

Varios anacos de fondo mariño foron lanzados polo temporal ás praias do Cabo Udra os pasados días. En concreto foi o areal da Mourisca, no concello de Bueu, o que foi sorprendido, ó comezo desta semana, sementado de fragmentos do leito da ría. Estes fragmentos, que con frecuencia aparecen nas praias galegas, contiñan ademais, nesta ocasión, unha sorpresa meirande. Pois entre o limo do fondo, de cor negruza, aparecían tamén restos fosilizados de madeira, o que trouxo un determinado balbordo entre os investigadores e arqueólogos nas redes sociais.

En concreto, nun grupo dedicado a arqueoloxía da rede social Facebook, dábase conta do achado apuntándose a que foran os restos dunha lagoa fósil que encerraran gran cantidade de material vexetal. Outros investigadores do Instituto Universitario de Xeoloxía, da Universidade da Coruña, pedían que se recolleran fragmentos para seren estudados por medio da datación do Carbono 14 e determinar de xeito exacto a súa antigüidade. Porén o mesmo día, o martes 13 de marzo, facíase eco tamén da nova o xornal Faro de Vigo, aportando nova luz sobre o misterio. Na Nova aparecía unha entrevista a un mergullador e excapitán de navío quen relacionaba o achado cos restos dunha antiga embarcación romana achada a comezos da década de 1990 no fondo mariño da zona, moi preto do areal.

Os restos, segundo este, terían sido achados en 1985, cando nunha primeira descuberta do mergullador, José María Mosquera, atopáranse tres áncoras ou cepos de chumbo romanos, que foron trasladados ó Museo de Pontevedra, e dos que un deles se expón actualmente no Museo do Mar de Vigo. Anos máis tarde, o mergullador afirmou atopar o que parecía ser un barco duns 40 metros de longo na zona, recollendo restos que foron datados daquela, no ano 1992, polas Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Barcelona, a través  Carbono 14 entre o 4775 e o 4477 a. C., é dicir moi anteriores incluso á época romana e que falarían das orixes da navegación nas nosas costas. Desgraciadamente nestes 35 anos non se fixo ningunha campaña arqueolóxica no lugar.

Imaxe dos limos atopados no areal / foto de Miguel San Claudio Facebook