Castro da Frouxeira, en Valdoviño / Concello de Valdoviño

A Frouxeira, o castro que sobreviviu á especulación urbanística logo dunha longa batalla xudicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de ratificar 12 anos despois a ilegalidade dunha urbanización de 69 adosados que se quería facer enriba dun fermoso castro, o da Frouxeira, en Valdoviño

Este poboado fortificado está situado no extremo leste da praia da Frouxeira, ten un diámetro máximo de 100 metros e varias liñas defensivas. E, a pesar de estar catalogado e da súa privilexiada posición, a constructora Construcciones Rías Gallegas SA proxectou sobre el unha urbanización en plena burbulla imobiliaria.

Era o 2005 e, daquela, calquera cousa valía con tal de edificar. En marzo dese ano o concello de Valdoviño aprobaba o proxecto de urbanización “Unidade de Actuación nº 2 de A Saiña”. E días despois a constructora pedía edificar as primeiras 17 vivendas (de 69), chalés unifamiliares e adosados. O problema era que a urbanización ocupaba solo rústico de especial protección de espazos naturais (RN 2000 -LIC e ZEPA- e zona Ramsar), solo rústico de especial protección de costas por incluir terrenos a menos de 100 m do dominio público, e tamén solo rústico de especial protección do patrimonio, por atoparse dentro da afección do Castro da Frouxeira.

Primeira paralización

Por iso, en 2006 ADEGA presentou a correspondente denuncia perante o concello de Valdoviño, a Dirección Xeral de Urbanismo, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o SEPRONA. E conseguiu unha primeira paralización das obras que o promotor tentou reiteradamente ignorar, reiniciándoas en varias ocasións.

Península onde se asenta o Castro da Frouxeira, ameazado por unha urbanización / Galipedia

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística confirmou as denuncias, e o concello de Valdoviño tivo, en 2009, que declarar nula a licenza. A construtora recorreu en instancia contencioso-administrativa que un xulgado de Ferrol desestimou en 2012, acto que “Construcciones Rías Gallegas SA” recorríu perante o TSXG.

Finalmente en decembro de 2017 o TSXG desestima o recurso da construtora e valida as denuncias de ADEGA e a conseguinte suspensión das licenzas acordadas en 2009 polo concello de Valdoviño. Literalmente, o fallo ditamina que a anulación das licenzas ditouse para “tutelar os valores ecolóxicos, naturais, paisaxísticos e do medio ambiente”.

Informes surrealistas

Durante este proceso, e tal e como apunta ADEGA, vivíronse momentos surrealistas, como a presentación de informes emitidos por diversas administracións que sinalaban que a planimetría da obra localizaba o castro no mar. Un informe que utilizou a Dirección Xeral de Patrimonio para emitir un informe favorable.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: