fbpx
Vía láctea / foto manolofrancoCC0

Un equipo de arqueólogos atopa en Padrón o lendario portus apostoli

Tempo de lectura: 3 min.

Protexida pola escuridade da noite, din que unha barca de pedra sen leme tripulada e por catro homes achegouse ás costas de Galicia. A embarcación guiábase soa, e foi dereita cara a ría de Arousa. Pouco a pouco sobe o mar de Arousa ata chegar a un pequeno porto. Os homes saltan á terra, amarran a barca e tiran dela un corpo sen vida envolto nun lenzo branco: o apóstolo Santiago”. As lendas tradicionais galegas, Leandro Carré Alvarellos.

Segundo a lenda, o apóstolo Santiago o Maior, o fillo de Zebedeo, foi decapitado en Xerusalén polo rei Herodes Agripa. Dous dos seus discípulos, Teodoro e Atanasio, conseguen roubar o corpo e ocultalo no lugar máis afastado do que, se di, predicara, o confín do mundo, Galicia. Foi concretamente na contorna de Iria Flavia. Despois de pedirlle axuda á raíña Lupa, dona das terras, dous bois levaron o cadáver ó lugar onde se tiña que depositar o corpo. Alí, nun sepulcro romano, nunha necrópole dos primeiros tempos do cristianismo, dise que xace o apóstolo Santiago, no lugar no que no 813 o ermitán Paio achou un campo de estrelas.

Pedrón de Padrón, a pedra na que segundo a lenda amarrarían a barca de pedra / foto Historia de Galicia

E é que ata o de agora a lenda mantíñase viva en varias pedras, antigos altares líticos que o cristianismo consolidou como berce da lenda apostólica. Se en Muxía, na Virxe da Barca, a lenda di que parou a nave de pedra do apóstolo despois de deixalo en Arousa, na vila de Padrón, na igrexa de Santiago venérase dende a Idade Media o pedrón, a tamén pedra na que Teodoro e Atanasio ataron aquela Barca para descargar o corpo do santo. Mais á lenda apostólica faltáballe unha pedra. Era a do chamado portus apostoli, o lugar no que os discípulos desembarcaran o corpo, unha lousa de grandes dimensións, un porto e unhas escaleiras.

Mais segundo un equipo arqueoloxía, PyA Arqueólogos, este lugar lendario podería estar a piques de aparecer. E é que, segundo esta empresa, Padrón podería consolidarse como berce da lenda xacobea cun grande achado. Unha gran pedra duns cinco metros de lonxitude e de forma cuadrangular, correspondente cunha estrutura citada nos documentos dos séculos XV e XVI. A pedra podería corresponder con aquela que, segundo a devoción popular daqueles séculos, os discípulos de Santiago deitarían o corpo.

Padrón é unha das grandes localidades berce da lenda apostólica / foto babiloniapaCC0

A teoría de PyA Arqueólogos e de Andrés Bonilla, arqueólogo que dirixe o proxecto, baséase nunha prospección feita con xeorradar o pasado mes de abril, un procedemento que permite explorar a diferente natureza dos materiais soterrados a través de multifrecuencias. Segundo os arqueólogos, a estrutura que se atoparía a algo máis dun metro de profundidade, acharíase precisamente nun lugar da vila coñecido como A Barca. O lugar é de feito un dos terreos municipais gañados ás brañas polo recheo e canalización do río Sar hai algo máis de medio século, e que se emprega hoxe como aparcadoiro. O achado chegaría, segundo estes, tras meses de documentación e de análise de textos e de fotografías antigas. Resta agardar novas conclusións da investigación.

 

 

Pode que che interese...