fbpx
Proxecto do Cárcere Vello de Tui / foto Concello de Tui

Tui recuperará o Cárcere Vello como centro de acollida de peregrinos e visitantes

Tempo de lectura: 2 min.

Crear un novo espazo cultural de referencia para a cidade no que dinamizar as visitas ó Conxunto Histórico-Artístico de Tui. Ese é o obxectivo do novo centro cultural de acollida e interpretación que a empresa Trivium estratexias en cultura e turismo s.l. acondicionará no histórico edificio do Cárcere Vello de Tui, Ben de Interese Cultural e un dos edificios civís máis importantes da vila.

O proxecto foi presentado o pasado venres polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Patrimonio e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, xunto con César Abella de Trivium. O centro de Interpretación e acollida de peregrinos e visitantes sería o segundo máis grande de Galicia e dentro dun edificio declarado Ben de Interese Cultural. Trátase dun proxecto museográfico que poña en valor o magnífico patrimonio e legado histórico de Tui de cara ós seus visitantes.

Estes poderán desenvolver experiencias audiovisuais e inmersivas a través de holografías e paneis interactivos que percorrerán toda a historia de Tui, dende a súa prehistoria, romanización, invasións normandas e musulmáns, xudería, relación con Portugal, así como as súas personaxes ilustres. Tamén contará cunha sala dedicada exclusivamente ó Camiño Portugués.

O centro cultural do Cárcere Vello estará ademais completamente adaptado e accesible a será persoas con diversidade funcional e cognitiva. Terá un enfoque tamén moi relevante na relación cos peregrinos, contando cunha gran consigna para grandes vultos, enfocada a unha visita libre deles da vila, aparcadoiro para bicicletas e servizo de venda de bebidas. Agárdase que sexa un verdadeiro referente e guía na visita a un dos nosos cascos históricos máis representativos.

Proxecto do Cárcere Vello de Tui / foto Concello de Tui

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...