fbpx
Ruta Xudía de Tui / Concello de Tui

Así é a singular “Ruta Xudía” de Tui

Tempo de lectura: 2 min.

Ruta Xudía de Tui detalle do tríptico / Concello de Tui

A Porta da Pía, a Sinagoga, a Casa dos Capeláns, a Porta da Torre, a Casa de Salomón, o Cárcere capitular, as Cruces en Pedra, a Menorá da Catedral e os “Sambenitos”. Este é o excepcional legado cultural xudeu do casco histórico de Tui. Un patrimonio monumental como moi poucos outros en Galicia e que forma parte do gran valor dun dos cascos históricos máis importantes do noso país.

Sabedores precisamente disto, no Concello de Tui están a apostar nos últimos anos polo desenvolvemento dunha ruta urbana polo legado xudeu da vila e a promovela a través dunha aplicación móbil, planos turísticos e sinalización do conxunto monumental. Precisamente por este motivo o Concello da vila ven de editar un novo folleto turístico da Ruta Xudía, presentado o pasado martes na casa do concello polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, e o concelleiro de Cultura e Patrimonio, Eduardo Freiría.

Ruta Xudía de Tui detalle do tríptico / Concello de Tui

Esta nova edición, que pretende ser o elemento articulador de todo o discurso do legado xudeu, está realizada pola empresa Sherpa Project e continúa a liña iniciada hai un meses cun rueiro ilustrado. O obxectivo é a renovación da información turística para entregar aos visitantes e facer polo tanto máis atractiva e clara a visita a este patrimonio urbano. O novo folleto, que está dispoñible en formato trilingüe, en galego, castelán e inglés, recolle de xeito didáctico un mapa cos elementos máis singulares do legado xudeu en Tui.

Mais non é nin moito menos o único elemento, senón un xeito de por en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos. Entre eles está a aplicación móbil turismotui.mobi, que a través de códigos QR, incluídos na sinalización do conxunto monumental, permite a realización de rutas guiadas, así como ampliar a información sobre cada punto de interese. Do novo folleto fíxose unha primeira edición de 15 mil exemplares, que nestes momentos están xa a dispor dos interesados na casa do concello.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...